DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda tempada de 'Fame' ródase esta semana en Pontevedra

A fame por crecer dunha 'webserie' nacida na Universidade

O 'trhiller' dirixido pola estudante de Comunicación Audiovisual Anxos Fazáns estreará en xullo cinc

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 25/04/2014

“A primeira tempada funcionou tan ben que decidimos independizarnos un pouco e crecer”, salienta Anxos Fazáns, guionista e directora de Fame, a webserie que un grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación impulsou en xullo de 2013 no Curso de Medios Audiovisuais que a Universidade organiza en Celanova. Tres días de gravación e catro de montaxe fixeron posible que naquel taller nacesen os tres primeiros episodios dun proxecto audiovisual que recibiu unha moi boa acollida na rede. Esta aceptación deu ánimos aos seus responsables para seguir adiante e, de feito, actualmente atópanse gravando en Pontevedra a que será a segunda tempada da Fame, que se estreará no mes de xullo.

Como “un thriller colorista e arriscado”, define Fazáns, estudante do grao en Comunicación Audiovisual, a serie que poucos días despois da súa gravación, estreábanse na rede, a través de UVigo TV e de Youtube, onde acumulou preto de 5000 reproducións, e que agora terá continuidade con cinco novos capítulos de dez minutos de duración, nos que nestes días traballa un equipo técnico que pasou das oito persoas do proxecto inicial a preto de 20. “Creceu a complexidade, aumentaron as localizacións, as escenas de acción e tamén o número de actores, polo que decidimos ampliar o equipo”, explica Fazans desta webserie, que, aínda que segue contando coa colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, camiña agora xa como “un proxecto independente”. Esa aposta por medrar motivou tamén que antes de iniciar a rodaxe realizasen un open call, un cásting técnico, no campus co obxectivo de sumar máis xente a un proxecto que ten como produtores a dous egresados da facultade, Jorge Medal e Silvia Fuentes. Do mesmo xeito, o crecemento tamén afectou tamén a parte actoral, xa que, se na primeira tempada o reparto estaba composto polo alumnado da Escola Superior de Arte Dramática, desta volta puideron contar tamén coa colaboración de actores profesionais como Xosé Barato ou Uxía Blanco.

Unha intensa semana de rodaxe

Fame ten como “protagonistas a Eme e Uve, dúas rapazas moi tolas que na primeira tempada se perden nunha estrada de Celanova”, explica Fazáns, que prefire non avanzar nada do que vai acontecer nos novos capítulos da serie. “A partires de aí, hai que vela”, engade. Para iso será preciso agardar ata finais de xullo, momento no que está previsto cheguen á rede os novos capítulos, unha vez rematado o proceso de montaxe que sucederá á rodaxe que ao longo desta semana se desenvolve en diferentes localizacións da cidade de Pontevedra e dos seus arredores. Entre elas, na propia Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que ademais colabora co proxecto cedendo parte do equipo técnico que se está a empregar.

“Está indo moi ben, aínda que a verdade é que está todo bastante apertado, rodamos desde as oito da mañá ata a noite”, recoñece Fazáns do intenso plan de traballo que desenvolven estes días. Non obstante, na tarde do xoves, foi preciso facer unha pequena parada na gravación, posto que parte do equipo tiña que desprazarse a Carballo para presentar os dous primeiros capítulos de Fame no I Festival Carballo Interplay. “É o primeiro festival de webseries de España e estar entre os 35 proxectos que seleccionaron dános moito ánimo para seguir facendo cousas”, salienta a directora.

Unha vez rematada a rodaxe, chegará o tempo de traballar na montaxe deses novos cinco capítulos, proceso para o que levarán a cabo unha campaña de crowdfunding co obxectivo de completar o financiamento necesario para levar adiante o proxecto. Aínda que contaron coa colaboración de varios patrocinadores para a rodaxe, Fazáns recoñece que “é bastante difícil financiar un proxecto que creceu tanto” e que se sustenta fundamentalmente “en que temos moita ilusión e no moito que nos anima ver que hai resposta, que a serie ten seguidores”.