DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vicent Miralles, profesor da Universitat de València, nun relatorio en Filoloxía e Tradución:

"As familias non teñen competencia para decidir sobre o idioma no que estudan os fillos"

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 18/03/2010
As comunidades que contan con máis dun idioma oficial vense obrigadas a decidir en que porcentaxe empregar as linguas na ensinanza, unha decisión que é fundamental á hora de acadar unha sociedade bilingüe e promover o propio idioma da comunidade. Sobre esta realidade afondou o profesor da Universitat de València, Vicent Miralles, nun relatorio titulado As linguas no sistema de ensino en Valencia, impartido este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución. Durante a súa conferencia, organizada pola área de Normalización Lingüística, Miralles explicou aos asistentes o papel do valenciano no sistema educativo desta comunidade, na que, segundo indicou o profesor, o número de falantes nesta lingua é escaso segundo as zonas do territorio pola súa compoñente histórica. Na entrevista que concedeu ao Duvi, Miralles valorou a influenza do valenciano no sistema educativo da Comunidade Valenciana e tamén achegou a súa opinión sobre as medidas do decreto do galego proposto pola Xunta.

 

O seu relatorio afonda na situación do valenciano no ensino, pero antes de tratar este tema, podería darnos a súa visión sobre as medidas do borrador do decreto do plurilingüísmo proposto pola Xunta?
Teño algunhas cousas un pouco claras en comparación co que está a ocorrer en Valencia. Eu creo que un 50% para cada lingua pode ser unha solución aceptable en lugares onde o galego estea fortemente arraigado; noutros sitios creo que vai ser tremendamente insuficiente para o galego, xa que os estudantes castelanfalantes non serán quen de acadar o bilingüismo. Esta é outra das cuestións. Digamos que no caso da Comunidade Valenciana o obxectivo é que o alumnado sexa bilingüe e, polo tanto, hai que orientar as políticas lingüísticas nesta dirección. Segundo a miña visión, orientar as políticas a que as familias teñan a capacidade de decidir o idioma no que os seus fillos deban estudar non é correcto, posto que, dende o meu punto de vista, non teñen competencia para decidir algo así, así como tampouco a teñen para decidir se os cativos poden ou non estudar matemáticas, bioloxía, etc.
Tamén hai outra cousa que claramente rexeito e é que na Educación Infantil o galego quédase moi fóra, sen posibilidade de que os nenos entren en contacto coa lingua ata que non cometen a súa escolarización na ensinanza primaria, o que considero unha perda de recursos.
Ademais, no tocante á elección das materias para a súa impartición en galego é un pouco sinistra, porque a percepción que se pode ter das materias tecnolóxicas e científicas, encamiñadas ao progreso e ao futuro, serán en castelán, mentres que as materias tradicionais coas que miramos ao noso pasado levan ligada a lingua galega. Todo isto me parece un xeito de marcar para que vale cada lingua, polo tanto significa crer que todas as linguas non valen para todo.

Tendo en conta os datos sobre a escasa cifra de valencianofalantes, cal é o panorama da lingua no sistema educativo da comunidade?
Nos territorios onde o valenciano é a lingua predominante, o idioma está integrado no sistema educativo ao 100% en todos os niveis, mentres que nas zonas onde predomina o castelán, o valenciano ten o tratamento de materia, sen empregala para impartir outras disciplinas. Ademais, o alumnado e as súas familias teñen o dereito de pedir a súa exención, un fenómeno que nos primeiros anos esta moi xeralizado. Pero na actualidade esta petición diminuíu moito, posto que os demandantes déronse conta de que ao chegar á Universidade resúltalle moi útil e lles conviña sabelo.
Por este motivo, os pais matriculan aos seus fillos en valenciano en Educación Primaria e tamén na ESO, pero no Bacharelato, esta lingua convértese nun obstáculo, posto que estudala significa ter que examinarse dela na selectividade, polo que moitos estudantes a rexeitan. Por outra banda, tamén son moitos que a ven coma unha panca que lle permite asegurar a nota da selectividade e continuar con esta lingua no ambiente universitario. Con todo, podemos dicir que os territorios castelanfalantes mudaron bastante a súa actitude nos derradeiros 25 anos, pasando dunha certa hostilidade a unha comprensión bastante razoable. De feito, estamos preto dun 30% da sociedade que fala valenciano e, se non imos máis apresa, é pola falta de entusiasmo e implicación da administración, posto que a demanda é bastante superior. As cifras da derradeira matriculación en primaria, que rondan as 90.000 , falan dunha importante demanda insatisfeita. A petición dos pais supera agora mesmo o 50%, pero non está atendida.

Que medios se empregan na Comunidade Valenciana para a introdución do valenciano no ensino?
A principal ferramenta veu da man da Llei d'ús i ensenyament del valencià, aprobada en 1983, coa comezou todo o desenvolvemento normativo dos programas que hai nas escolas. En primeiro lugar podemos citar o programa de Incorporació Progessiva, no que o valenciano aparece como materia en si e como lingua vehicular na área de Coñecemento do Medio. No resto de niveis se van incorporando novas áreas para ser impartidas nesta lingua, pero iso depende moita da vontade da contorna, posto que nas zonas onde predomina o valenciano, estes programas contan cunha presenza de ambas linguas oficiais ao 50%, polo que o alumnado deste territorio rematan sendo bilingües. Sen embargo, este reparto nas zonas urbanas como Valencia, Alacante ou Elche, onde o castelán é absolutamente hexemónico, ten o efecto nefasto, sobre todo pola forte presenza do ensino concertado nestes lugares, onde o valenciano está moi freado, xa que non teñen unha actitude entusiasta cara ao seu fomento.
Tamén podemos falar dos programas de Inmersión Lingüística e Ensenyament en Valenciá, o primeiro dirixido ao alumnado castelanfalante para que poidan entrar en contacto cunha lingua que non teñen na súa contorna e, o segundo, dirixido a valencianofalantes. Ambos os dous contan nestes momentos cun respaldo do 27% do alumnado de primaria.

Que diferenzas existen entre a ensinanza obrigatoria e a superior neste aspecto?
Bastantes. Conforme imos subindo de nivel, péchanse as posibilidades de estudar en valenciano, sobre todo na transición da Educación Primaria á ESO, onde aparecen os itinerarios e as primeiras materias optativas. Despois, no Bacharelato a existencia de diferentes modalidades complican a impartición de materias en valenciano, o que só é posible nos centros cunha envergadura importante, pero a oferta para estudar nesta lingua é moi escasa. No tocante ao eido universitario, a situación cambia moito. A Universitat de València e a Universitat Jaume I de Castellón ofrecen unha cantidade importante de créditos en practicamente todas as titulacións, pero no caso da Politécnica de Valencia xa diminúe, e aínda é máis acusado nas institucións de Alacante e a de Miguel Hernández. Polo tanto, hai carreiras nas que estudar en valenciano é unha auténtica odisea, unha proba de resistencia para o alumnado. O ámbito universitario é o máis insatisfeito de todo o panorama, mentres que en primaria imos moi ben, pese aos freos da administración. Ademais, a Universidade de València é a segunda institución do Estado, despois da de Granada, en recepción de estudantes Erasmus, o que resulta unha escusa perfecta para reducir as clases en valenciano pola presenza de estudantes estranxeiros.

Que papel xogan os docentes en esta materia?
Un papel absolutamente fundamental. No caso de Valencia, sen o dinamismo da Escola Valenciá, unha asociación na que están representado gran parte do profesorado, ademais de outros colectivos, sen a implicación dos mestres non sería posible entender que a única forma de que os nenos e nenas fagan súas as dúas linguas oficiais pasa pola escola, xa que en moitos casos é o único sitio onde as poden compartir. Dende logo, sen esta implicación non teríamos chegado tan lonxe como estamos na actualidade, que aínda que non é moito, imos na boa dirección.