DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesor Cástor Guisande traballa neste proxecto dende hai un ano

A FAO avalía no campus un programa informático para identificar as distintas especies de quenllas

O sotfware pretende ser unha ferramenta útil para frear a súa pesca indiscriminada

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 24/07/2013

Un grupo de tres expertos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura (FAO) visitou estes días o campus de Vigo co obxectivo de avaliar un novo programa, denominado ISharkFin, capaz de identificar as distintas especies de quenllas en función das súas aletas. Esta primeira avaliación do proxecto chega cando está a piques de cumprirse un ano de que a FAO lle encargase á Universidade, e máis concretamente ao profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Cástor Guisande, un software que permitise coñecer as distintas especies de escualos e frear o declive que nos últimos tempos está a sufrir esta especie, facilitando o control nas súas capturas.

Tamén a petición da FAO, a Universidade de Vigo deseñou con anterioridade outro programa informático, o sistema IPez, que contribúe á identificación das distintas especies de peixes en base á súa morfoloxía. Tomando como referencia este sistema, Guisande desenvolveu este novo sotfware que permite identificar as quenllas a partires das súas aletas. O tempo estimado para recoñecer a especie á que pertence o escualo capturado é inferior aos cinco minutos e a persoa que manexa o programa non precisa ter coñecementos previos da taxanomía destes animais xa que só debe medir a aleta en cuestión.

No proxecto están a participar expertos de diferentes países e a Universidade é a encargada de deseñar o programa informático e os algoritmos que permiten esta identificación.

Os resultados, ao longo desta semana

A especialista australiana en escualos, Lindsay Marshall, uniuse aos dous expertos da FAO, Mónica Barone e Peter Psomadakis, para elaborar nestes días o informe de avaliación do programa informático. Aínda que os resultados non se farán públicos ata ben entrada esta semana, os tres avaliadores si falaron da “posibilidade real” de ampliar este proxecto conseguindo que a identificación dos animais se poida facer a través dunha fotografía tal e como destacou o profesor Cástor Guisande. “Nas súas análises están a ser moi rigorosos e estritos. Queren que o programa recoñeza correctamente todas especies sen lugar a erro”, conclúe.

Unha ferramenta sinxela e de utilidade

Está previsto que os organismos ou entidades de cada país encargadas do control das especies capturadas nas súas augas ou nas de titularidade internacional poidan botar man desta ferramenta. Tamén se contempla a posibilidade de instalar este programa nun equipo informático a bordo dos propios barcos de pesca para facilitar o etiquetado das quenllas ou mesmo para recadar datos con fins divulgativos ou didácticos.