DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso no que a Universidade de Vigo e a Politécnica de Madrid foron os representantes naciona

A FAO bota man de investigadores da EE Forestal para potenciar o emprego da biomasa

Luis Ortiz e Daniel Vega foron convidados para afondar na combustión de masas nas caldeiras de pelle

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 10/01/2012

Unha das posibles saídas á crise enerxética e económica actual pode atoparse no emprego da biomasa. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, FAO, non é allea ás súas potencialidades polo que reuniu na súa sede de Santiago de Chile aos principais expertos mundiais no II Congreso Internacional de Biomasa, ao que Luis Ortiz e Daniel Vega, investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal, foron convidados para explicar os seus estudos recentes sobre a combustión de biomasa forestal e agrícola en caldeiras de pellets. A Universidade de Vigo e a Politécnica de Madrid foron os únicos representantes nacionais nun encontro que tivo como obxectivo dar un pulo á consolidación da bioenerxía, “xa que supón unha grande oportunidade de xerar postos de traballos en sectores innovadores de innegables vantaxes sociais e medioambientais”, sinalou Daniel Vega.

Esta xuntanza tradúcese nunha clara aposta da FAO pola biomasa como un sector estratéxico e de futuro, “a través da cal se pode garantir unha soberanía enerxética mediante unha produción local e renovable contribuíndo ademais na loita contra o cambio climático”, destacou Vega.

Novas mesturas para as caldeiras de pellets e o seu uso doméstico

Os profesores Luis Ortiz e Daniel Vega compartiron cos máis de 300 participantes no congreso as súas achegas no tratamento de biomasa densificada de pellets e briquetas, combustibles granulados feitos a base de desperdicios da madeira como as serraduras. “Presentamos varias experiencias levadas a cabo na Escola de Enxeñaría Forestal sobre o secado de biomasa forestal, sobre a avaliación da calidade de outras masas forestais e agrícolas e as súas posibles mesturas para a combustión en caldeiras domésticas de pellets”, engadiu Vega. A pesar dos bos resultados das investigacións e do aforro económico que supón utilizar este tipo de enerxía como calefacción no fogar, “ata un 50% fronte aos combustibles fósiles”, a produción de pellet nacional non ten un mercado de caldeiras doméstico establecido “pois atópase coa desconfianza e o descoñecemento sobre as súas posibilidades como xerador de enerxía”.

Para lograr consolidar a demanda en este sector, os expertos cren imprescindible o establecemento de sistemas recoñecidos de certificación de calidade “que xeren confianza no consumidor sobre as bondades dun produto que pode ser moi heteroxéneo”. En esta liña, o grupo de investigación de biomasa da Universidade de Vigo participará en dous proxectos europeos en 2012. Por unha banda, un orientado ao establecemento de normativas para a certificación da calidade dos pellets en colaboración con investigadores de Austria, Suecia e Finlandia e, por outra banda o grupo colaborará coa Asociación Forestal de Galicia no monitoreo da calidade da masa forestal dos montes de Galicia.

Durante o encontro, no que tamén se presentou o libro Bioenergía en Chile editado polo profesor Manuel Paneque da Universidade de Chile e principal organizador do congreso, os expertos sinalaron por riba de todo a necesidade de que as institucións e gobernos aposten “con firmeza e urxencia” pola bioenerxía, “unha realidade posible se se desenvolve o propio potencial co fin de liderar nun sector de brillantes perspectivas para España e Latinoamérica”, concluíu Vega.