DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo conclúe na súa tese o investigador Cristian Abelairas, Premio Extraordinario de Doutoramento

A fatiga dos socorristas reduce as posibilidades de supervivencia tras un rescate acuático

O estudo tamén sinala que o uso de aletas permite iniciar antes a manobra de reanimación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 07/03/2014

A incidencia negativa que a fatiga ten nas manobras de reanimación que realizan os socorristas e a importancia que materiais como as aletas poden ter á hora de reducir o tempo dun rescate acuático constitúen as principais conclusións que Cristian Abelairas extrae da súa investigación Influencia do material de rescate no socorrista acuático: Análise fisiolóxica, espaciotemporal e RCP. O estudo realizado por este integrante do grupo de investigación Remoss, recoñecido co Premio Extraordinario de Doutoramento, permitiu constatar que o cansazo dos socorristas fai descender a calidade na reanimación cardiopulmonar que realizan ás persoas rescatadas, e polo tanto, as súas posibilidades de supervivencia.

“Unha reanimación precoz e de calidade pode chegar a duplicar ou triplicar as posibilidades de supervivencia do accidentado e reducir o dano a nivel neurolóxico, polo debe ser da maior calidade posible”, salienta Abelairas. Baixo a dirección do profesor Roberto Barcala, este investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolveu unha tese que deu pé á publicación de sete artigos en revistas científicas, como o American Journal of Emergency Medicine, froito da investigación en materia de socorrismo que o grupo Remoss realizou en colaboración co grupo de investigación GIAAS da Universidade da Coruña, e que, ao seu xuízo, permitiría “achegar novas pinceladas aos protocolos internacionais de socorrismo acuático”.

Preto de 150 socorristas de toda Galicia participaron nesta investigación realizando manobras de reanimación RCP con manequíns co obxecto de “poder analizar como inflúe na reanimación a fatiga que supón o rescate”, explica Abelairas. Segundo se recolle na súa tese, o cansazo non implica un descenso no número de compresións realizadas, pero si “un gran decrecemento na porcentaxe de compresións correctas”, o que provoca que “a calidade da reanimación sexa máis baixa” e, polo tanto, “reduce as posibilidades de supervivencia do accidentado”.

De feito, Abelairas explica que os protocolos de reanimación tanto americanos como europeos recomendan que “o reanimador sexa relevado aos dous minutos para evitar as consecuencias da fatiga”, e así lograr realizar unha manobra da maior calidade posible. Non obstante, a súa aplicación real “ao final depende un pouco de cada praia, xa que os recursos humanos e materiais varían moito dunha a outra”, como apunta este investigador e monitor de socorrismo.

Implantar o uso de aletas nas praias

Na súa investigación, Abelairas tamén se detivo na incidencia que ten no labor dos socorristas o uso de materiais como as aletas, “que reducen moito o tempo do rescate, o que propicia que a reanimación se realice antes”, destaca o investigador. De feito, as probas realizadas permitiron comprobar como o seu uso permitía reducir en máis dun minuto o tempo empregado nun rescate de 75 metros. “Unha vez que unha persoa entra en parada cardiorespiratoria, as súas posibilidades de supervivencia descenden un 10% cada minuto que pasa, polo que iniciar a reanimación canto antes é fundamental á hora de salvar a vida dun afogado”, subliña Abelairas.

Así mesmo, na investigación tamén se abordou o uso de dispositivos para a realización de compresións de forma automática, concretamente do cardiocompresor Lucas. Segundo explica Abelairas, “si parece que é mellor a reanimación realizada co mecanismo automático que a realizada por socorristas fatigados”. Non obstante, existe un inconveniente principal á hora de incorporar este tipo de sistemas ás praias, un “prezo demasiado elevado”. Na súa opinión, o desembolso económico que suporía a súa adquisición “podería usarse para a contratación de máis persoal de socorrismo, xa que hai que ser conscientes de que o número de reanimacións realizadas nas praias tampouco é tan elevado”.

A importancia de formar aos socorristas

Profesor de socorrismo, Abelairas incide así mesmo na importancia de que todo aquel que traballe neste campo domine a técnica da reanimación cardiovascular, xa que nesta investigación “démonos conta que pouca porcentaxe da mostra era capaz de realizar unha boa manobra de reanimación”. De aí que incida no valor da formación en socorrismo, “que ata hai ben pouco, non estaba regulada en case que ningún lugar de España”.

“Practicamente calquera entidade podía emitir un certificado de socorrismo válido que habilitara para traballar, independentemente do número de horas do curso ou dos contidos. Afortunadamente, aínda que é un proceso lento, isto está en cambiar”, engade Abelairas, que explica que na actualidade en Galicia as entidades que queiran formar en socorrismo teñen que pasar por un proceso de homologación.