DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Mollá viaxou desde Miami para impartir un relatorio en CCSS e da Comunicación

A fe move montañas e tamén aos mellores creativos publicitarios

Profesionais da comunicación en Galicia achegáronse á facultade para valorar os currículos do alumna

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 06/05/2011

Como ocorre coa receita secreta de Cocacola, é habitual pensar que tamén existe algunha fórmula máxica para chegar a ser un dos mellores creativos publicitarios do mundo. Aproveitando a visita de José Mollá, un dos máis recoñecidos profesionais da publicidade a nivel mundial e fundador da axencia arxentina La Comunidad, o alumnado do Máster en Dirección de Arte Publicitaria interesouse pola clave do éxito, ao que o convidado respondeu que estaba “na convicción, no amor e na paixón que lle demostredes cada día á vosa profesión”. Á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación tamén se achegaron profesionais galegos para valorar a presentación dos currículos do estudantado.

“Nesta vida ides atopar moitas portas pechadas, pero se insistides, estou seguro de que encontraredes unha que sempre se abrirá”. Con estas palabras José Mollá destacou a importancia de traballar día a día, “que é como se consigue o éxito”. Relatou a verdadeira realidade da vida dun director creativo, “sempre cargada de tensión e tamén de frustracións”, porque “a axencia de publicidade e todos nós sempre dependemos do gusto do cliente". Tamén destacou a esixencia de traballar “para xa”, “de que hai sempre un día límite onde hai que presentar si ou si”, polo que é frecuente, comentou, “os estados de frustración, de que se vai fracasar, pero, de repente empezan a xurdir ideas, o que é verdadeiramente máxico”. Engadiu que co tempo e coa experiencia “un vaise adaptando a este proceso, convertendo esa presión en motivación”.

Importancia dun bo equipo

Desmitificou a idea dese profesional, que na súa soidade, lle xurde a grande idea, pois o máis importante é rodearse dun bo equipo, traballando con xente que sume, xa que “os diálogos son máis enriquecedores que os monólogos”. Apuntou que na súa axencia de publicidade “chegamos a lugares que sos seríamos incapaces”. Baixo esta filosofía José Mollá traballou para marcas como Cocacola, Pepsi, Volkswagen ou Nike, grandes clientes nos que o importante “é a relación persoal que manteñas cos seus representantes”. A clave está na confianza, “con argumentacións sólidas e intercambios de opinións para definir o que eles queren ser e o que senten”.

Como mellorar á hora de buscar traballo

Trala conferencia de José Mollá, o alumnado do Máster en Dirección de Arte Publicitaria e de Publicidade e Relacións Públicas tiveron a oportunidade de conversar de forma individual con profesionais do eido da publicidade galega coa finalidade de mellorar a presentación dos seus currículos á hora de buscar traballo. Representantes das empresas Era Comunicación, El colectivo Wiley, Trisquelia, Unlimited Creative Group, Xosé Teiga , Fusión, Servizos Creativos, Verve Audiovisual, GF Estudio e Zumoestudio achegaron consellos aos estudantes para “sacarlle o máximo rendemento aos seus traballos, xa que vai ser a través dos que os contratarán ou non”.

Grazas a este tipo de actividades “achegámonos ao que en realidade buscan as axencias de publicidade”, comentou Loli Regueira, alumna do mestrado. “Valoraron o meu currículo e comentáronme como melloralo, aconsellándome que sacara máis partido ao aspecto gráfico xa que era titulada en Belas Artes”, engadiu. Para Daniel Rivera, titulado en Publicidade e Relacións Públicas, “este achegamento do mundo empresarial ao universitario permítenos aclarar determinadas dúbidas e presentar o que realmente esperan de nós”. Todos valoraron positivamente este tipo de actividades xa que “temos a oportunidade de saber o que piden desde fóra, aínda estando dentro da facultade”, puntualizou Regueira.