DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os tres obradoiros de Creación, Artesanía e Deseño de Esdemga chegan ao seu fin

O feito a man conquista a creatividade dos novos deseñadores galegos

Cada un dos participantes elaborou unha peza de moda aplicando técnicas tradicionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 06/07/2011

No ambiente pálpase unha mestura de tradición e de vangarda, no que o emprego de técnicas da cestería dá lugar a un bolso “moi chic” ou cintos e paxarelas feitos con cintas de embalaxe. E así un total de 30 propostas resultado dos tres obradoiros de Creación, Artesanía e Deseño organizados por Esdemga, Estudos de Deseño e Moda de Galiza, “onde o feito a man non ten límites para a inspiración e a creatividade”. Definíronse tres liñas de creación para cada un dos talleres, un especializado no deseño de prendas de vestir, outro en complementos de moda e un terceiro centrado na mestura de materias de reciclaxe con fibras naturais.

Aínda que tres días poden semellar insuficientes, o certo é que todos os participantes, entre os que se inclúen estudantes de deseño de moda, de Belas Artes e profesionais do sector, foron quen de aprender a tecer nun tear manual ou de artellar unha trenza de pico, moi aplicada na elaboración dos cestos. Os alumnos máis novos recoñeceron o apaixonante de empregar ferramentas tradicionais nos seus deseños. “Gústame, é sinxelo e sinceramente estou aprendendo moito”, comenta Yesica Rocío Barros, que emprega técnicas cesteiras na súa proposta. Para a artesá Anna Champeney, o tear manual achega grandes posibilidades á hora de crear, “xa que, á diferenza do gancho, traballamos con dous grupos de fíos e, dependendo do seu entrelazado, a variedade multiplícase”.

Champeney contempla estas creacións como unha alternativa totalmente afastada ás producións en cadea das grandes marcas comerciais, exemplificando que a elaboración dun chal a man pode supor “máis de 10.000 pasadas nun tear tradicional o que se traduce en horas e horas de traballo, pero logo o cliente non entende o prezo”.

Prendas do século XXI a partir dun tear manual

Os teares manuais son os verdadeiros protagonistas do obradoiro impartido por Jorge Bolado e Natalia Pérez, American Pérez, e a Anna Champeney. Cinthia Roberta Cuevas, bota man dun para crear unha prenda superior feminina que mestura dous tipos de tecidos, “a rafia e fío sintético, algo natural compaxinado co artificial”, subliña a Cuevas. Pola súa banda, María José Rodríguez buscou no seu fondo de armario para “modernizar unha camisa vella con adornos feitos con materiais de diferente procedencia”.

Bolsos e gorros moi “cesteiros”

No obradoiro dedicado ao deseño de complementos, coordinado por Nando Cornejo e Idoia Cuesta, o alumnado aplica técnicas cesteiras a unha gran variedade de propostas. Mentres que Borja Padín opta por un bolso “feito con tecido dobre, como no empezo dos cestos”, decorado con pintura acrílica, Gabriel Nogueira coseu un gorro “inspirándome nas cristas dos pumkis adornado con cables de teléfono”.

Un bosque feito de vimbia

O deseñador Carlos Díez e o artesán Carlos Fontales escolleron unha vía moi experimental, “levando ao extremo a mestura de fibras vexetais e de materiais reciclados”. Baixo unha temática común inspirada no estilo musical black metal, os participantes crearon en grupo un bosque feito de vimbia “adornados con bridas que lembren aos brazaletes e aos colares de pinchos que usan os músicos”, explicaron. Tamén usan láminas de persianas, neumáticos, enchufes ou casquetes de lámpadas “para complementar a temática gótica que queremos evocar”, apunta Marta Domínguez.