DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fabricado mediante impresión 3D, inxectaríase en órbita co dispositivo usado para os cubesats

FemtoXat, un satélite único no mundo

Cun peso entre 300 e 325 gramos, está integramente deseñado na Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/10/2014

A súa fabricación integramente mediante impresión 3D en metal e polímero; a súa compatibilidade parcial co estándar cubesat, coa intención de que poda ser inxectado en órbita utilizando o mesmo dispositivo que se emprega no caso dos cubesats, e un deseño que implica a extrema miniaturización de compoñentes mecánicos e electrónicos, fan do FemtoXat un satélite único no mundo. No ano 2011 comezaba a tomar corpo o que será o terceiro satélite que a Universidade de Vigo enviará ao espazo, algo que está previsto que ocorra nunha órbita LEO de aproximadamente 600 quilómetros de altura, na segunda metade de 2015. “Nin en España, nin no mundo existe outro satélite como FemtoXat”, explica José Antonio Vilán, investigador principal do proxecto, coordinado por Fernando Aguado, responsable do agrupamento Aeroespacial da Universidade, que asegura que “hai algúns similares, pero non comparten o concepto de FemtoXat, que pretendemos que sexa lanzado utilizando a tecnoloxía que se emprega para os cubesats sen necesidade de cambiar absolutamente nada”.

Arredor de 15 persoas, integradas nos grupos de Radiocomunicación e Informática, Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Informática, das escolas de Telecomunicación, Industriais e Informática da Universidade de Vigo, traballan neste proxecto, que neste intre atópase na fase C, “a fase crítica en canto a deseño e onde se decide a configuración final do satélite”, explica Vilán. Superada esta etapa, procederase á fabricación dos modelos de voo, comprobarase que todo funciona correctamente e, se unha vez integrado e testado, todo está perfecto, procederíase ao seu lanzamento.

Deseño íntegro da Universidade de Vigo

Aínda que a finalidade de FemtoXat é a de formar parte como repetidor da rede Humsat, posta en marcha en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea co obxectivo de fomentar as capacidades no sector espacial, sobre todo en países emerxentes, o obxectivo deste proxecto de carácter educacional é aproveitar o coñecemento adquirido durante estes anos de traballo e desenvolver unha plataforma propia para o segmento espazo, barata de construír e de poñer en órbita e que se poda converter no futuro nunha plataforma sobre a que podan aprender novos estudantes e egresados. “A importancia deste proxecto reside no alcance do mesmo, xa que se está a deseñar o 100% do satélite, o que significa que todo o que se desenvolva quedará como tecnoloxía propia das persoas que o fagan, podendo ser utilizada en futuras plataformas, aproveitada con propósitos educativos ou incluso licenciada ou comercializada”, explica o investigador principal do proxecto.

Pero as vantaxes desta iniciativa van máis aló. Por unha banda ao funcionar como repetidor dentro da rede Humsat, e cos mesmos estándares dos subsistemas dos dous satélites predecesores, Xatcobeo e Humsat, FemtoXat poderá dar servizo dun xeito distinto a como o fai Humsat-D, o que aumenta o alcance e a versatilidade da rede. Por outra parte, o desenvolvemento de compoñentes totalmente novos, incrementa o legado e a rendibilidade de proxectos anteriores, “unha parte vital, xa que permite que os proxectos concluídos teñan sentido incluso máis aló do tempo de misión”, sinala Vilán.

O tamaño si importa

No proceso de desenvolvemento de FemtoXat o límite másico de 400 gramos condiciona en gran medida o seu deseño, que ademais de incluír os compoñentes máis lixeiros e miniaturizados, debe permitir a súa fácil integración e testeo. Esta circunstancia, segundo explica José Antonio Vilán, está a condicionar o calendario de desenvolvemento do satélite, que finalmente acadará un peso entre 300 e 325 gramos, habida conta de que “o deseño implica a extrema miniaturización de compoñentes mecánicos e electrónicos, ao que se engade a dificultade para obter estes compoñentes electrónicos comerciais de dimensións tan reducidas”.

Pero non son os condicionantes derivados do seu tamaño as únicas circunstancias que determinan o avance do proxecto. Dunha banda, o seu carácter educacional, fai máis difícil establecer uns prazos firmes de finalización , “aínda máis cando a porcentaxe do desenvolvemento do propio satélite está preto do 100%”, explica Vilán, que sinala que as limitacións orzamentarias tamén están a provocar certos retrasos no proxecto, que innova ademais no método de fabricación mecánica mediante a impresión en 3D e tamén no uso de certos materiais pouco utilizados no espazo.