DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No transcruso do acto de celebración do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino

Fernández Paz e Casado Linajeros serán investidos Doutor Honoris Causa o vindeiro 28 de xaneiro

Os premios de Fin de Carreira e de Doutoramento terán un acto propio na primavera

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 17/01/2013

O catro de doutores de honra da Universidade de Vigo verase ampliado a partir do vindeiro 28 de xaneiro con dúas figuras senlleiras da literatura e da química. No transcurso do acto oficial de celebración do patrón universitario, San Tomé de Aquino, serán investidos como novos Doutor Honoris Causa pola institución viguesa Agustín Fernández Paz e Julio Casado Linajeros. A Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá este evento ao que toda a comunidade universitaria está convidada para dar a benvida a estes seus dous novos membros. Co nomeamento de Agustín Fernández Paz, a Universidade de Vigo recoñece a súa traxectoria como un dos máis destacados escritores de literatura infantil e xuvenil de Galicia e de España e transcendencia das súas obras, algunhas delas traducidas a máis dunha vintena de linguas estranxeiras.

Un dos máis senlleiros da literatura galega actual

O primeiro en tomar posesión do seu novo título será o escritor Agustín Fernández Paz, que acompañado do seu padriño, o profesor e vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, recibirá os atributos que o acreditan como Doutor Honoris Causa: o barrete, o libro da ciencia, o anel, as luvas brancas e a medalla a Universidade. O seu nomeamento foi a proposta do Departamento de Filoloxía Galega e Latina. Segundo o IBBY, Fernández Paz está entre os dez mellores autores mundiais de literatura infantil e xuvenil do século XX. Neste eido da escrita, ten publicadas máis de medio centro de obras destinadas ao público máis novo como Cartas de inverno, Corredores de sombra, As flores radioactivas, O único que queda é o amor ou No corazón do bosque.

Con todo, tamén ten publicadas obras para adultos, como a recente Non hai noite tan longa. Os docentes impulsores da súa proposta como Doutor Honoris Causa destacan tamén a súa faceta como dinamizador e normalizador lingüístico e cultural no mundo do ensino, así como, a súa faceta de pedagogo e programador de contidos curriculares para o ensino básico e medio. Moitas das súas obras de ensaio e investigación pedagóxica e didáctica seguen a ser na actualidade manuais de referencia da facultade de Ciencias da Educación de todas España.

Un químico galego de adopción

Tras Fernández Paz, o doutor en Química e discípulo do profesor Salvador Senent, Julio Casado Linajeros, catedrático de Química Física da Universidade de Salamanca, será tamén investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Como seu padriño exercerá o profesor Juan Carlos Mejuto, catedrático de Química Física. A proposta deste nomeamento chegou da man do Departamento de Química Física e do seu director, o profesor Pablo Hervés. Casado Linajeros ten unha ampla traxectoria profesional na que publicou máis de cento cincuenta artigos en revistas internacionais de primeiro impacto. Ten dirixido máis de trinta teses de doutoramento e foi investigador principal de 17 proxectos de investigación nacionais e internacionais. Entre os seus méritos destacan tamén as súas achegas á creación e consolidación dunha escola de investigadores de alto nivel en Galicia que se mantén moi activa na actualidade a raíz da súa estadía na Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor emérito na Universidade de Salamanca, onde dirixe o grupo de estudo de mecanismos de notrosación e alquilación. Foi o responsable da posta en marcha do primeiro laboratorio de Espectroscopía de Microondas da península Ibérica e exerceu tamén de vicerreitor na Universidade de Santiago de Compostela, entre os anos 1979 e 1983.

Os premios de Fin de Carreira e Doutoramento terán un acto propio

Dada a coincidencia da investidura de Fernández Paz e Casado Linajeros, a entrega dos Premios Fin de Carreira e de Doutoramento, que tradicionalmente se celebraba no transcurso do acto de San Tomé, adiarase nesta ocasión. Deste xeito, as distincións entregaranse nun acto que terá lugar nos vindeiros meses destinado especificamente a recoñecer a excelencia académica e investigadora do alumnado da Universidade de Vigo.