DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da EET volve a Vigo tras dous anos e medio á fronte da Cátedra Príncipe de Asturias

Fernando Pérez: “Novo México é o estado coa maior porcentaxe de doutores de EEUU, un excelente lugar para innovar”

Demanda máis inversión en I+D en España, porque os medios materiais non se poden suplir con ilusión

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 05/12/2011

Tras dous anos e medio en Novo México á fronte da Cátedra Príncipe de Asturias, o profesor e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e director de Gradiant prepara xa a volta á casa. Como responsable da cátedra dende maio de 2009, valora para o Duvi esta experiencia que o fixo vivir a cabalo entre Vigo e Albuquerque e que lle serviu non só para abrir novas liñas de investigación senón para coñecer a fondo outro sistema tanto universitario como de I+D. Segundo apunta “novo México é o estado dos EEUU cunha maior porcentaxe de poboación cun doutoramento e, polo tanto, un excelente lugar para innovar”.

Tras dous anos e medio entre EEUU e España toca preparar a volta á casa. Qué valoración fai de este tempo ao fronte da Cátedra Príncipe de Asturias?
Está sendo unha experiencia enormemente enriquecedora, tanto a nivel persoal coma profesional. O feito de integrarme como catedrático de pleno dereito no Departamento de Enxeñaría Eléctrica e de Ordenadores (ECE Department) da Universidade de Novo México, permitiume coñecer unha dimensión da universidade en EEUU á que un non adoita ter acceso cando realiza unha mera estancia de investigación. Tanto dende o punto de vista da docencia como da investigación foi un período moi frutífero, cheo de novas experiencias, algunhas trasladables á nosa realidade en España.

Que lle achegou esta experiencia a nivel persoal e profesionalmente?
Persoalmente moitísimo, porque a miña familia acompañoume durante todo este tempo, e gozamos moita da vida neste país. Os meus fillos acostumáronse a vivir a metade do tempo en España e a outra metade en EEUU e, aínda que o cambio de contexto, especialmente polo colexio, é un pouco duro para eles, son conscientes da sorte que tiveron. Profesionalmente, ademais do recoñecemento que supón ser o titular da cátedra, permitiume abrir novas liñas de investigación e, como sinalaba antes, coñecer dende dentro unha universidade americana: asistir aos equivalentes aos nosos consellos de departamento, xuntas de escola, tribunais de tese, e incluso participar en procesos de selección e promoción de persoal docente e investigador. En canto á docencia, sempre que estivera en este país fixérao como investigador, así que foi unha experiencia moi gratificante poder impartir clase estes tres anos.

Que supón este posicionamento internacional para a Universidade de Vigo?
A Universidade de Vigo está demostrando con feitos que a aposta pola investigación que comezou hai anos serviu para situarnos nunha posición moi destacada a nivel nacional, máxime cando se ten en conta a nosa dimensión. Creo que o feito de que un profesor da institución, formado ademais na propia Universidade de Vigo, acceda a unha das tres cátedras Príncipe de Asturias que hai no mundo (as tres en EEUU), é un respaldo a unha forma de traballar que a nosa universidade ten promovido. Tamén para unha escola como a de Telecomunicación, que nos seus 25 anos de vida non deixou de dar boas noticias e se ten convertido nun referente nacional. En definitiva, a cátedra debe tomarse como un premio a un compromiso das persoas e as institucións coa excelencia científica.

Comentaba vostede antes de partir que a Universidade de Novo México ten a vantaxe de ser un cruce de camiños de moitas iniciativas e tecnoloxías entre EEUU e Latinoamérica. En que se traduce esta condición vantaxosa?
Novo México é un estado moi peculiar dentro dun país bastante homoxéneo como os EEUU: unha auténtica amalgama das culturas anglosaxona, india, española (presente aquí ata principios do século XIX) e mexicana. Iso, e un envexable clima, converteron Novo México nese cruce de camiños. Non é casualidade que aquí haxa unha das poucas sedes do Instituto Cervantes en EEUU o un impresionante Centro Nacional da Cultura Hispana. A existencia de laboratorios nacionais, como os Sandia Labs, ou os archi-coñecidos Laboratorios de Los Álamos (onde se desenvolveu a primeira bomba atómica), e a Universidade de Novo México, atraeron numerosas empresas tecnolóxicas que se implantaron nas inmediacións de Albuquerque, a cidade máis populosa. Como froito de todo isto, Novo México é o estado dos EEUU cunha maior porcentaxe de poboación cun doutoramento, un excelente lugar para innovar.

Trae nas maletas novas perspectivas e ideas trasladables á Universidade de Vigo no tocante á xestión do I+D?
Sempre se traen novas perspectivas. Por sinalar un exemplo, a proporción que retén a universidade sobre os fondos concedidos a un proxecto é máis do dobre dos custes indirectos aplicados pola maioría das universidades españolas. Como contrapartida, os investigadores poden de verdade despreocuparse da xestión dos proxectos, porque contan con persoal administrativo directamente ao seu cargo. Naturalmente, iso os fai máis produtivos.

E no que ás novas liñas de investigación n telecomunicacións se refire?
As oito horas de diferenza horaria con España teñen unha vantaxe: as tardes pódoas dedicar case integramente a investigar. Así que estou moi contento de ter atopado varias liñas de investigación novas, algunhas que xa están producindo os seus froitos, e outras que espero nos dean moitas alegrías nos próximos tres anos. Ademais, como parte do acordo da cátedra, o ECE Department da Universidade de Novo México financia dúas bolsas para estudantes de doutoramento españois que fan aquí a súa tese comigo; ambos comezaron a publicar xa os seus primeiros resultados, que se corresponden con dous temas enteiramente novos para min.

Existen moitas diferenzas perceptibles entre as universidades e o tecido de I+D de ambos países?
Creo que nos últimos vinte anos converxemos moi apresa, grazas á aposta que se fixo no noso país pola I+D. Pero seguimos estando lonxe: cunha porcentaxe de gasto en I+D sobre o PIB que é máis do dobre do español (xa non falemos do galego), é evidente que hai unha gran distancia en medios materiais e humanos, que non se poden suplir só con ilusión e enxeño. Outra diferenza está en que a empresa aquí cree moito máis na I+D como inversión, polo que non se produciu a caída no gasto empresarial en I+D ocorrido en España como consecuencia da crise. En canto ás universidades, dende o punto de vista estrutural e organizativo, a distancia segue sendo enorme: cando aquí comento que os alumnos universitarios españois teñen un 30% de peso na elección do reitor, lévanse as mans á cabeza.

Finalmente, cantos malabares son necesarios para conxugar durante tres anos a dirección de Gradiant, o traballo na Universidade de Vigo e a cátedra en EEUU?
Malabares, bastantes. Máis aínda se necesita poñer moita paixón e entusiasmo en todo o que un fai. Pero os milagres non existen: se non fose porque teño uns colaboradores extraordinarios, que comparten comigo esa motivación por mellorar constantemente, nada de isto ocorrería. En todo caso, menos mal que necesito durmir pouco …