DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No libro ‘El Islam a las puertas de Europa’, presentada polos autores este xoves no Club Financiero

Fernando Ramos e José Daniel Barquero reflexionan sobre o impacto do Islam en Europa

A publicación contou co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
Bea Feijoo DUVI 24/11/2011

O proceso de globalización do último século provocou que distintas culturas afastadas entre si tivesen a necesidade de convivir. Un destes casos é a coexistencia da sociedade occidental e musulmá no continente europeo, estudada polos profesores Fernando Ramos e José Daniel Barquero no libro El Islam a las puertas de Europa. Cómo evitar el choque de culturas y civilizaciones, publicación que será presentada polos propios autores este xoves no Club Financiero de Vigo e que contou co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, da Fundación Universitaria ESERP e do Consello Superior Europeo de Doutores.

Como explica o profesor Fernando Ramos, o libro pretende ser un estudo sobre os problemas multiculturais que afectan á sociedade occidental, sobre todo os relacionados co proceso de integración dos cidadáns musulmáns, especialmente en España. “Sobre todo en Cataluña e Murcia, existe unha crecente masa de orixe árabe e musulmá que non se integra, o que provoca certos problemas de convivencia”, aclara Ramos. O profesor vai máis aló na súa reflexión e sinala que esta situación supón un gran risco para a estabilidade da sociedade, pois “os grupos instalados en España soamente empregan da cultura occidental aquilo que lles dá vantaxe, como a educación, a sanidade ou internet, pero non se queren integrar na cidadanía e renegan do conxunto de leis que regulan a convivencia”. O profesor bota man do caso do Baixo Ampurdán para explicar a gravidade da situación, sinalando que nesta comarca catalá “xa habitan máis musulmáns que non musulmáns polo que poden impor a súa cultura no ámbito público, que en ocasións non respecta os dereitos humanos”, apunta Ramos.

Como solución a esta problemática de integración e de convivencia, o profesor Barquero propón a realización dunha intensa campaña institucional de relacións públicas, “a través da cal se dera a coñecer a cultura occidental á sociedade musulmá, o que non implica que deban renunciar á súa”. A publicación, que entrou en imprenta nun dos momentos clave das revoltas da Primavera Árabe, deixa unha pregunta aberta sobre o futuro da sociedade musulmá tras a rebelión do pobo. “Nun principio a revolución árabe non tiña cor, pero semella que a arela democrática dun principio pode variar cara a instalación dun poder relixioso, polo que é imposible determinar se o desenlace será a favor da democracia ou se dará un paso cara atrás”, conclúe Ramos.

No acto de presentación intervirá o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; o catedrático emérito e prologuista do libro, Manuel Fernández Areal; e os propios autores, Fernando Ramos e José Daniel Barquero. Tras o evento, o profesor catalán, como presidente do Consello Superior Europeo de Doutores, fará entrega a Ramos do diploma de membro de honra da institución pola súa contribución ás Ciencias da Comunicación.

Autores de gran traxectoria

Fernando Ramos, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, foi nomeado recentemente Presidente da Academia Internacional de Cerimonial e Protocolo, OICP, e conta cunha grande experiencia e traxectoria no mundo profesional, docente e investigador. Un percorrido semellante ten o profesor catalán José Daniel Barquero, presidente do Consello Superior Europeo de Doutores e director xeral da Fundación Universitaria ESERP, que iniciou a súa carreira profesional á beira de Edward Bernays, pioneiro mundial das relacións públicas e asesor de varios presidentes de Estados Unidos, como Bill Clinton, cos que traballou tamén o propio Barquero.