DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Ramos leva a Budapest a controversia entre o protocolo oficial e privado

O profesor participa nun congreso internacional que arranca este xoves

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 17/11/2010

Existe unha xa case clásica controversia entre o protocolo oficial e o protocolo privado que adoptan posturas contrapostas. Esta complicada relación centrará o relatorio que ofrecerá en Budapest o profesor Fernando Ramos, do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación, no marco do IX Congreso Internacional de Protocolo que a partir de mañá xoves e ata o vindeiro sábado se desenvolverá na cidade húngara.

O docente, que acude á reunión en representación das universidades españolas, considera que cando un cargo público acude a un acto privado como invitado, debe situarse, dende o punto de vista do protocolo, como tal e non como representante institucional. Esta premisa é totalmente exportable ao mundo académico, “onde calquera evento debe estar presidido polo reitor”, explica Ramos, que engade que “hai que delimitar claramente os espazos de cada un deles”.

Baixo o lema Diversidade na globalización, o congreso reúne aos maiores expertos na materia para afondar no coñecemento dos usos e costumes, a comunicación e o protocolo nas distinas partes do mundo. Paralelamente, outro dos temas estrela da reunión é, de cara á presidencia da Unión Europea por parte de Hungría no primeiro semestre do 2011, recoller as experiencias doutros países e fortalecer as relacións internacionais. “Queremos mostrarlle aos asistentes as experiencias vividas por España e Bélxica para que poidan ter como referente as solucións que achegaron ás problemáticas xurdidas no transcurso das súas presidencias”, segundo palabras de Ramos. O obxectivo é prestarlle o maior apoio posible a Hungría para que poida afrontar con éxito os retos que a agardan.

O punto final ás xornadas porao o nomeamento da primeira comisión destinada á aplicación do código deontolóxico do protocolo redactado polo propio Fernando Ramos. O texto foi aprobado no 2007 no congreso celebrado en Roma, mentras que o regulamento de aplicación se consensou en Campos de Jordado, Brasil, ao ano seguinte.

Unha vez finalizada a reunión, que contará con máis de vinte poñentes, o docente viaxará ata Guatemala onde impartirá un curso sobre protocolo olímpico para Centro América.