DUVI

Diario da Universidade de Vigo

ValRIE foi desenvolvida por investigadoras do grupo I-Mark

Unha ferramenta informática permite identificar as oportunidades de mercado dos resultados dun proxecto de investigación

Xera un informe sobre as súas posibles vantaxes competitivas e viabilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/03/2022

Facilitar “a posta en valor dos resultados dun proxecto de investigación”, como “paso previo ao seu posible lanzamento o mercado” constitúe, como sinala a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Dopico, o obxectivo de ValRIE, unha aplicación informática para a avaliación do potencial de comercialización de proxectos de investigación desenvolvida polo grupo de investigación I-Mark, de Ecobas. A través dunha “metodoloxía de aplicación sistemática” que guía aos investigadores e investigadoras na recollida de información e definición das posibles oportunidades de mercado, esta ferramenta permite xerar un informe que reúne “información sobre as vantaxes competitivas e a viabilidade comercial do proxecto”. 

As investigadoras da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais María Jesús López Miguens e Carmen Otero Neira e o técnico Ernesto Roa son, xunto a Dopico, o autor e autoras desta ferramenta, que desenvolveron no marco dos proxectos de investigación Bewats e LitterDrone. “Foi pensada principalmente para o persoal investigador, sobre todo dos ámbitos de ciencia e tecnoloxía”, que, en termos xerais, “non dispón de ferramentas para facer unha análise sistemática e organizada” de se o resultado do seu traballo pode “ter valor no mercado”, sinala Dopico. Nese senso, ValRIE permite “simplificar” ese proceso inicial de compilación de información, de tal xeito que “sería como unha fase previa a un traballo de consultoría”, explica esta docente do Departamento de Organizaciónde Empresas e Márketing, que incide en que, se ben foi ideada para proxectos de I+D, pode ser tamén de utilidade “para calquera idea ou proxecto de emprendemento”.

Da identificación dos factores clave á viabilidade financeira

Para a xeración destes informes, a ferramenta vai solicitando paso a paso ao investigador ou investigadora unha serie de datos que permitan logo analizar dunha forma sistematizada o valor do proxecto. Deste xeito, reúne datos sobre o produto, os custos fixos e variables, as posibilidades de obter financiamento, o capital humano do que se dispón ou a capacidade innovadora do proxecto, xunto con datos da súa contorna xeral, que permitan ter en conta os “ámbitos político, económico, social, medioambiental e tecnolóxico, así como o marco legal”. Do mesmo xeito, tamén se estuda a súa “contorna específica”, pondo o foco en posibles competidores, provedores, clientes ou grupos de interese, sendo necesario valorar tanto o grao de importancia como “a probabilidade de que ocorra” de cada factor, para a partir de aí “extraer as claves de toda esta análise”.

A ferramenta xera un informe que, en primeiro termo, identifica o proxecto e os seus resultados, para logo ofrecer unha “análise da situación” baseada nunha diagnose DAFO, que identifica as fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas da proposta. En terceiro lugar, preséntase un “ránking de factores clave”, para logo ofrecer información da posición competitiva do proxecto e un “mapa de competidores”. Este informe reúne tamén información das oportunidades de mercado e complétase cunha análise da viabilidade do proxecto. Partindo de datos como estimacións de custos fixos e variables ou posibles fontes de financiamento, esta análise abrangue “un balance de situación e unha conta de perdas e ganancias” para os tres primeiros anos do proxecto, “unha ratio de rendibilidade económica e financeira” e tamén unha serie de “gráficas do punto morto”, nas que se determina o número de unidades que sería preciso comercializar para non ter nin perdas nin ganancias.

Útil para investigadores e emprendedores

Como explica Dopico, ValRIE naceu do traballo que o grupo I-Mark realizou nos proxectos Litterdrone e Bewats, dirixido a definir ese valor que poderían ter no mercado os resultados de “dúas iniciativas moi innovadoras”. Este labor levou á definición dos múltiples factores reuniron nesta plataforma web” e desde a Oficina de I+D da Universidade acometeron os trámites de rexistro de propiedade intelectual desta ferramenta. 

“As convocatorias de financiamento de proxecto de I+D, sexan de instancias europeas, nacionais ou autonómicas, demandan cada vez máis a determinación do impacto que os proxectos poden ter, tanto a nivel económico como social, e do seu potencial de aplicación”, salienta a súa directora, Ángeles López, que incide nese senso en que ValRIE “pode ser de grande utilidade para a preparación de proxectos”, ao permitir aos investigadores e investigadoras realizar “de maneira autónoma” esa primeira análise “do potencial de mercado que poden ter os resultados do seu proxecto”. Do mesmo xeito, engade, esta ferramenta pode ser tamén “de grande axuda para os membros da comunidade investigadora que estean a pensar en crear unha spin-off”, de cara ter un “mellor coñecemento do escenario ao que se van enfrontar”. Con esa idea, desde a Oficina de I+D buscarán contribuír tamén á difusión dunha aplicación que o pasado mes de febreiro foi presentada como parte da oferta científico-tecnolóxica da UVigo no Foro Transfiere, desenvolvido en Málaga.