DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O restaurador ofreceu un relatorio no acto de recoñecemento ás empresas organizado polo Consello Soc

Ferran Adrià demanda un compromiso da clase empresarial para saír da "situación gravísima na que estamos"

Reitor, conselleiro de Educación e presidente da CEG destacaron a importancia da alianza empresa-uni

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 23/02/2010

"Non son un gurú, nin teño intención de selo. Só quero axudar”. Con estas palabras pechou a súa intervención no 2º acto de recoñecemento ás empresas organizado polo Consello Social da Universidade de Vigo o restaurador Ferran Adrià. Nun relatorio no que debullou a súa traxectoria vital e profesional, Adrià afondou tamén nas razóns que o levaron a tomar a decisión de transformar o restaurante El Bulli nunha fundación privada e sen ánimo de lucro que definiu como “o modelo para seguir creando”. O restaurador que demandou un compromiso da clase empresarial para facer fronte “á situación gravísima na que estamos”, foi o encargado co seu relatorio de pechar o acto co que o Consello Social da Universidade de Vigo homenaxeou a 250 empresas pola súa colaboración coa institución en actividades de I+D+i, así como en prácticas para o alumnado.
No acto que contou cunha ampla representación das empresas recoñecidas, así como dos ámbitos académico, económico e social, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, destacou o valor da creatividade e da investigación ao tempo que manifestou a disposición da institución a colaborar co sector empresarial “coas portas abertas. Cos centros e laboratorios cheos de investigadores e coa mentalidade en disposición de quen sabe que o futuro depende do noso traballo en común”. No valor do traballo investigador tamén incidiu o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez que asegurou que a alianza entre investigación e empresa “debe estar na base do desenvolvemento xeral e modernización económica de calquera país”. Pola súa banda o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Emilio Atrio sinalou ás universidades do futuro como “a solución para o mundo empresarial” ao tempo que incidiu no coñecemento como base das economías dinámicas. Economías sobre as que o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, asegurou “teñen no emprendedores cos que conta o mellor indicador do seu estado”.

Da fundación ás orixes de El Bulli

Tras avanzar nas últimas horas a súa decisión de converter o restaurante El Bulli nunha fundación, Ferran Adrià, explicou no seu relatorio titulado ¿Cuánto puede durar la creatividad? as razóns que o levaron a acordar o peche do restaurante no 2011 para a partir de 2014 poñer en funcionamento a fundación que considera “o modelo para seguir creando”. O restaurador sinalou á gran presión á que foi sometido tras dar a coñecer a súa decisión de tomarse dous anos sabáticos, como razón principal que o levou a reconsiderar a súa idea e optar por transformar El Bulli nunha fundación que lle permitirá crear durante 10 meses ao ano, nun proxecto “único no mundo” do que participarán unha vintena de bolseiros. Unha decisión revolucionaria que sen embargo non foi a primeira que se produciu na historia de El Bulli, onde, segundo recoñeceu Adriá, “cada catro ou cinco anos houbo una pequena revolución con consecuencias creativas”. Unha revolución coa que segundo explicou o restaurador, tamén quere contribuír a axudar a saír “da situación gravísima na que estamos”, un proceso no que demandou o compromiso da clase empresarial. “A xente con moitos cartos que colla as rendas”, apuntou Adrià que afirmou que “sen valentía non faremos nada”.
Recoñecido como o cociñeiro máis influínte do planeta, Ferran Adrià repasou no campus a súa propia traxectoria, desde os seus inicios como fregapratos ata converterse en Honoris Causa por dúas universidades, “algo impensable hai apenas uns anos para un cociñeiro”, admitía Adrià. “Nunca me propuxen chegar a onde cheguei”, sen embargo, conseguiu todos os premios e recoñecementos que xamais tería imaxinado. Adrià deixou claro que a creatividade é simplemente, “con todas as dificultades que isto trae”, “atreverse a dicir e a facer as cousas que ninguén fai”, algo que, ao seu xuízo, en España nunca se nos deu ben, “o que faciamos era mirar o que outros facían e copiar”.
O servizo militar supuxo para o coñecido chef converterse por primeira vez “no responsable dunha gran cociña”, lembrou, ao tempo que explicou que alí coñeceu a Fermí Puig, quen lle facilitou o seu primeiro contacto con El Bulli, onde tivo a oportunidade de descubrir un mundo novo. “Cheguei alí con 22 anos e, desde logo, todo o que me pasou despois era impensable naquel intre”, apuntou, “a revolución nunca se prevé, senón que xurde”, resaltou, “se foras conscientes do que estás a facer a revolución nunca chegaría”.
Traballador incansable, Adrià destacou a importancia de contar con unha estratexia, “aínda que, en principio, non sexas consciente de que é unha estratexia como tal”. No Bulli, comezaron por cerrar seis meses ao ano, “en principio porque non había público, pero pechar seis meses, tamén deixou tempo para crear”. Logo levantaron, “a mellor instalación posible, que nos permitiu empezar a crear cun linguaxe propio”, esa foi a segunda estratexia. Nacía así un novo concepto de negocio e de cociña.

Reivindicación da investigación e a creatividade

Citando Campus do Mar como exemplo do “máximo agrupamento posible e o máis grande impacto económico e social na nosa zona de influencia”, comezou o reitor Alberto Gago a súa intervención na que reivindicou a investigación e a creatividade e na que asegurou que Ferran Adrià “entende a arte culinaria moderna a partir da calidade técnica e a creación de novo coñecemento. Un camiño esixente na procura do nunca visto ou probado, desa mestura insospeitada, desa textura nunca lograda”.
Gago que agradeceu a confianza que o sector empresarial deposita na Universidade amosou a disposición da institución académica a atender as súas demandas, “estamos coas portas abertas para o que nos demanden”, asegurou o reitor, así como “coa mentalidade e disposición de quen sabe que o futuro depende do noso traballo en común”. Gago que incidiu na non existencia de límites para aprender e crear , “o tempo nunca será unha restrición para as mentes abertas e creativas”, dixo, rematou a súa intervención manifestando a súa pretensión de promover en colaboración co sector empresarial “unha verdadeira avalancha de innovación para este país”.

O papel estratéxico da alianza entre investigación e empresa

No recoñecemento que a Universidade deu ás empresas, a administración, un dos eixes básicos do coñecido modelo da tripla hélice, estivo representada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, quen resaltou a importancia desta tripla colaboración, “que debe estar na base do desenvolvemento xeral e modernización da estrutura económica de calquera país”. Durante a súa intervención o conselleiro de Educación, que gabou o traballou conxunto que levan a cabo o Consello Social, a propia Universidade e a Confederación de Empresarios de Galicia, subliñou que esta alianza “constitúe un extraordinario viveiro de intelixencia creativa e constitúe o principal osíxeno renovador do tecido empresarial da nosa terra”.
Pese aos difíciles momentos polos que atravesa a economía, Vázquez destacou a importancia de manter cada vez máis espazos abertos de colaboración, “de facelo, Galicia ten ante si un horizonte cheo de oportunidades”.

A universidade, solución para o mundo empresarial

O presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Emilio Atrio que comezou agradecendo a implicación do sector empresarial coa institución académica, sinalou ás universidades do futuro como “a solución para o mundo empresarial” ao tempo que incidiu no coñecemento como base das economías dinámicas. Unhas universidades que o presidente do Consello Social apuntou que deben ser “as da calidade e non as da cantidade”, puxo en valor o traballo desenvolvido polos consellos sociais das universidades como elemento de cohesión entre as institucións académicas e a sociedade “que non poden vivir illadas”, dixo. No seu discurso Emilio Atrio fixo referencia á importancia da I+D+i “como un valor fixo e intocable”, así como á relación que vincula a empresa e universidade ata o punto que o 85% dos titulados universitarios desenvolven o seu labor na empresa privada.
“Colaborador-preferente”, así se referiu Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, á Universidade de Vigo, á que tamén se referiu como “canteira impagable de recursos humanos” e exemplo a seguir polo seu “carácter innovador”. Fontenla, aproveitou a presenza de Adrià, para exemplificar nel a valía de aplicar a innovación á realidade empresarial, e neste sentido subliñou que “non hai mellor indicador do bo estado dunha economía ca o número de emprendedores cos que conta”.