DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 23 de febreiro distinguirase en Vigo a 300 entidades nun evento organizado polo Consello Social

Ferrán Adrià enxalzará a creatividade no acto de recoñecemento ás empresas que colaboran coa Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 10/02/2010

Como un dos seus sinais de identidade pero tamén como un camiño polo que hai que seguir avanzando. Así entende a Universidade de Vigo o seu compromiso coa súa contorna, en especial co tecido empresarial, co que xa ten consolidada unha estreita relación de transferencia de coñecemento no campo da I+D+i e na inserción laboral dos seus titulados. Por este motivo, para poñer en valor e agradecer esta cooperación, o Consello Social organiza un acto de recoñecemento ás empresas que colaboran coa Universidade de Vigo que contará coa presenza como convidado do cociñeiro Ferrán Adrià. Este evento terá lugar o vindeiro 23 de febreiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus de Vigo como un xeito de resaltar a importancia deste vínculo entre as empresas e a institución académica pero tamén co obxectivo de reforzalo de cara ao futuro, abrindo camiños de encontro entre universidade e sociedade.
Nesta segunda edición, homenaxearase a preto de 300 empresas tanto da contorna como de fóra incluso de España. Para o acto, o convidado será “o mellor cociñeiro do mundo, Ferrán Adriá” en palabras do presidente do Consello Social, Emilio Atrio. O chef será o encargado, na súa conferencia, de poñer en valor a creatividade como compoñente imprescindible a innovación. O reitor, Alberto Gago, agradeceu esta oportunidade de poder mostrarlle ás empresas “o noso agradecemento por compartir con nós actividades formativas, de xeración de coñecemento, de innovación e tamén actividades de creación de empresas de base tecnolóxica pero tamén nos centros tecnolóxicos nos que compartimos padroado coas empresas. En resumo, todas aquelas que cren no noso traballo”.

Adriá, adaíl de creatividade

A presenza de Adrià neste acto servirá para poñer enriba da mesa o papel da creatividade nos procesos de I+D+i e, polo tanto, na transferencia de coñecemento entre universidade e empresa. Segundo explicou Atrio, “os tres piares básicos do I+D+i non só se producen na industria, senón en todo tipo de actividades, incluída a cociña, á que esperamos que volva despois destes dous anos sabáticos, nos que se dedicará a dar renda solta á súa imaxinación”. Precisamente como adaíl da creación e da imaxinación, Adrià preguntarase na súa conferencia canto pode durar a creatividade. Segundo o reitor “se nos empeñamos moito, moito tempo”, xa que é o xermolo do coñecemento e da innovación como demostra o currículo do cociñeiro que é doutor honoris causa, a parte de ser responsable dun programa creativo específico da Universidade de Harvard, coa que colabora sistematicamente.

Docencia en Medicina e devolución do IVE, na reunión do Consello Social

Tamén na mañá deste mércores o Consello Social da Universidade celebrou unha xuntanza na que o reitor avanzou as liñas básicas do acordo entre as tres universidades e o Sergas para descentralizar a docencia en Medicina. Por unha banda, Gago explicou que se acordou “a descentralización da docencia clínica en 4º, 5º e 6º e a participación nesta docencia dos hospitais universitarios da rede do Sergas, coa posibilidade de que se incorporen outros no futuro como poden ser os de Lugo, Ourense e Pontevedra”. Así mesmo, participarán na docencia clínicos en activo nos hospitais do Sergas, sendo responsables tanto da docencia, teórica e práctica, como da avaliación, acordándose tamén que estes docentes teñan “unha adscrición orgánica ás universidade da súa área de influenza”. O reitor engadiu que se decidiu consolidar a figura do colaborador docente, con validez para as tres universidades e todas as súas titulacións. En definitiva, tanto o SUG como o Sergas teñen como “obxectivo ordenar a docencia de medicina actual, centrarnos no presente, na calidade da titulación da actual oferta de Medicina en Galicia”.
Por outra banda, nesta reunión tamén se informou da reclamación que presenta a Universidade polo IVE dos últimos seis anos, incluíndo o presente. De obter un resultado positivo, a institución podería ver devoltos preto de nove millóns de euros, un e medio por cada ano, xa que segundo explica o reitor, “as actividades de investigación están exentas deste imposto, e isto obriga a efectuar a aplicar unha regra de prorrata que permita diferenciar entre as actividades que están exentas ou non do IVE”.