DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial abriu as súas portas na Praza Maior de Ourense

Ferro, madeira, cera de abella e pel de cabra debuxan o patrimonio da man dos artesáns

O acto inaugural da mostra contou coa presenza da directora da Comisión Española da UNESCO

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 11/11/2009
“Nacín nunha cama, pero criáronme entre os ferros”. Quen así fala é Oliverio Álvarez, un lucense de 70 anos de idade que herdou o oficio de ferreiro do seu avó e máis do seu pai, e ao que dedica a súa vida. Lembra con nostalxia que, de neno, “meu pai tíñame que poñer un caixonciño nos pés, porque aínda non lle chegaba ao incre”, e conta tamén que no obradoiro familiar facían dende apeiros de labranza ata ferraxes e bisagras. Unha historia paralela é a que conta Rosendo González, un pontevedrés que aprendeu a profesión de poteiro cando era un neno, do seu pai. Anos de experiencia que son suficientes para afirmar con rotundidade que “o único segredo para que a augardente sexa boa está no bagazo, que ten que ser bo”. Á beira da pota de cobre lembra os almorzos de antes, “cunha copa de augardente, un anaco de pan de millo e un pouco de azucre”.
A Praza Maior de Ourense convértese estes días nun incomparable escenario da cultura tradicional grazas á Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial. Xunto a Oliverio e Rosendo outros artesáns, entre os que están torneiros, oleiros, coroceiros ou construtores de instrumentos musicais amosan os segredos duns oficios que herdaron de xeracións anteriores e que loitan por conservar. Unha batalla na que se implican tamén organismos públicos e institucións académicas coa posta en marcha de iniciativas como esta mostra. E unha loita que vai máis alá porque, como afirmou Consuelo Vázquez, directora da Comisión Española da UNESCO, no acto inaugural do evento, “esta exposición é unha boa oportunidade para atopar vías de entendemento e para desenvolver pontes entre as culturas”.
A mostra estará na Praza Maior ata o 14 de novembro e alí desenvolveranse 53 horas de programación cultural interactiva que este ano xirará en torno aos valores que transmite o patrimonio cultural inmaterial: a reciclaxe, a comunidade, a utilidade e o contacto.

Fortalecer os vínculos entre a universidade e a sociedade

Elvira Fidalgo, vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, sinalou no acto inaugural da Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial “que todos podemos participar del e contribuír para mantelo vivo e para difundilo, falando a nosa lingua ou asistindo a festas e romarías, por exemplo”.Pola súa banda, Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, fixo fincapé na importancia que teñen este tipo de actos para fortalecer os vínculos entre a universidade e a sociedade. Francisco López, director xeral de Promoción e Difusión Cultural, subliñou a responsabilidade de todos para conservar e difundir o noso Patrimonio Cultural Inmaterial “como donos e herdeiros que somos del”, unha argumentación apoiada tamén polas palabras de Isabel Pérez, concelleira de Cultura do Concello de Ourense.

A convención para salvagardar o patrimonio cultural

A UNESCO é a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura. Fundouse no ano 1945 e promove a cooperación internacional entre os seus 193 estados membros. Consuelo Vázquez, directora da Comisión Española da UNESCO, pronunciou un relatorio no seo do Curso de metodoloxía de traballo nas aulas co patrimonio cultural inmaterial, organizado con motivo da mostra que se está a celebrar sobre a mesma temática. Na súa intervención, falou da Convención sobre a protección do patrimonio mundial, cultural e natural, aprobada no ano 1972, e do Comité do Patrimonio Mundial, o organismo que dita as instrucións de carácter procedimental para a inscrición dos bens culturais e naturais na Lista do Patrimonio Mundial.
O Patrimonio Cultural Inmaterial maniféstase en cinco ámbitos: tradicións e expresións orais, artes do espectáculo, usos sociais, coñecementos da natureza e do Universo e as técnicas artesanais tradicionais. Consuelo Vázquez subliñou a importancia de salvagardar esta riqueza con medidas como “a educación e a sensibilización dos mozos, a creación de programas educativos que coiden e difundan nas escolas o patrimonio, a implicación dos artistas tradicionais na identificación do patrimonio e a participación das comunidades, grupos e individuos no mantemento e transmisión deste patrimonio”. A ponente dixo tamén que “o noso patrimonio está en perigo, e isto é unha realidade”, e enumerou os tres factores que, ao seu entender, están detrás da vulnerabilidade desta riqueza. “Estamos ante un patrimonio que non se manifesta constantemente, que depende da súa transmisión efectiva dunha xeración a outra e que as condicións propicias para esa transmisión soen estar tamén en perigo”. Consuelo Vázquez rematou a súa intervención pondo enriba da mesa unha serie de medidas a tomar, como “preservar o patrimonio ameazado ou deteriorado por conflitos bélicos, fomentar o programa de turismo, favorecer a protección do patrimonio artístico e potenciar as obras mestras do patrimonio oral e inmaterial”.