DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arredor de 90 persoas dos tres campus da Universidade participarán nesta nova andaina

A Fervenza do Toxa será a estrela da terceira ruta cultural deste curso

O percorrido tamén incluirá unha visita guiada polo Mosteiro de Carboeiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 27/11/2012

A Fervenza do Toxa é un salto de auga situado na parroquia de Pazos, no concello pontevedrés de Silleda. Nela, as augas do Río Toxa caen por un desnivel de máis de 60 metros e crean un enclave paisaxístico e natural de gran beleza. Por este motivo, foron elixidas para protagonizar a terceira das rutas culturais que este curso organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo. Arredor de 90 persoas, procedentes dos tres campus, poderán gozar dun percorrido por este espectacular lugar e pola contorna da comarca do Deza.

O itinerario, de dificultade media e 20 quilómetros de distancia, percorrerá o sábado día 1 de decembro as zonas de Merza, Carboeiro, Ansemil, Pazos e A Moa. “Sen dúbida, o principal atractivo deste roteiro é descender a ver a fervenza e camiñar polo sendeiro que hai ao seu pé. Aínda que nestes momentos o río non leve moita auga, o efecto de estar alí abaixo é espectacular”, apunta José García-Calvo Willy, coordinador dos roteiros culturais. A andaina tamén inclúe a realización dunha visita guiada polo Mosteiro de Carboeiro, un mosteiro beneditino fundado no século X e un dos exemplos máis representativo que existen en Galicia do románico serodio, de transición ao gótico.

A excursión, apunta José García-Calvo, tamén resulta interesante porque despois de que as dúas primeiras rutas culturais tiveran como escenario a provincia de Ourense, "agora mudamos de paisaxe e nos vamos a Pontevedra, co seu campo verde e cos seus horizontes lonxanos, que contrastan cos que temos na nosa provincia”. Será a primeira das catro andainas que ao longo do curso 2012/2013 organizará o Servizo de Deportes da Universidade nesta provincia e que se sumarán ás cinco que terán como escenario Ourense e ás dúas que se achegarán a terras lucenses.

Coma nas anteriores andainas, nesta ocasión participarán dous grupos, un procedente dos campus de Vigo e Pontevedra, e outro do campus de Ourense. As saídas serán ás 08.00 h desde Ourense na cafetaría Bekas, ao lado do campus; en Pontevedra nas proximidades do Cafetín da Alameda; e en Vigo preto da antiga Reitoría da Rúa do Areal. Os inscritos deberán levar a súa comida e o equipo aconsellable para calquera andaina, como son unha mochila, un chuvasqueiro, un paraugas, apósitos, unha muda, unha navalla e unha cantimplora.