DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As viñetas de Roque Romero estarán expostas ata o 18 de outubro

A festa galega do cómic chega á Biblioteca do campus coa mostra “Delicatessen”

Ademais, no Edificio de Ferro unha mostra amosa os efectos do cambio climático

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 02/10/2008

Ao igual que nas dezanove edicións anteriores, a festa galega do cómic chega a Ourense coas Xornadas de Banda Deseñada que ata o 18 de outubro encherán de viñetas todos os recunchos da cidade. As caixas de luz da Biblioteca central do campus son o escenario escollido por Roque Romero para presentar unha proposta, Delicatessen, na que condensa a súa traxectoria en dez cadros iluminados. Pero a oferta cultural do campus para estes días non remata aí, xa que ademais, o Edificio de Ferro acolle a exposición Freemos o cambio climático, promovida por dúas organizacións ecoloxistas para sensibilizar ao alumnado sobre a situación do planeta.

As Xornadas de Banda Deseñada no campus

A festa da chamada novena arte, no seu vinteavo aniversario, ten como obxectivo amosar ao público a grande variedade de estilos, gustos e estéticas que pode ter un cómic, desmarcándose así da idea de que está só reservado a nenos ou a lectores inmaturos. Para reivindicar este medio de expresión, aínda menosprezado, os organizadores das xornadas teñen programadas un total de oito exposicións, así como outras actividades na Casa da Xuventude, a Livraría Torga, os cines Cinebox, o Auditorio Municipal e o Museo Municipal, ademais da Biblioteca central do campus. Así, grazas á mostra de narrativa debuxada ou arte secuencial, como tamén se coñece á banda deseñada, os ourensáns poderán albiscar unha apaixonante e descoñecida realidade moito máis antiga do que se pensa, que comparte o seu público potencial co da literatura ou o cine.
As instalacións universitarias, concretamente, acollen dende o día 1 a terceira edición da mostra comentada de Roque Romero, Delicatessen. O autor, licenciado en Belas Artes na facultade de Pontevedra, recolle en dez pranchas toda a súa experiencia, facendo un enorme esforzo de selección e condensación dos seus traballos. De feito, Romero ten publicado a súa obra en numerosos fanzines e participou nos álbums colectivos H2Oil e Varsovia en llamas. Ademais, en 2006 obtivo un dos accésit do Certame Injuve de Cómic e Ilustración. Agora acaba de ver publicado o seu monográfico dentro da serie Polaquia Sketchbook.

O cambio climático

Ata o 14 de outubro, no primeiro andar do Edificio de Ferro, pódese visitar tamén a exposición Freemos o cambio climático, organizada polas asociacións ecoloxistas Verdegaia e Ecologistas en acción coa colaboración da Vicerreitoría do campus. A través de varios paneis informativos, o visitante pode aprender todo o referente aos efectos do ser humano no clima mundial, as actuacións dos gobernos dos países industrializados ou en que consiste o protocolo de Quioto. O obxectivo é sensibilizar sobre a repercusión dos actos de todos nós na saúde do planeta, para que mude a tendencia dun desenvolvemento insostible.