DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O tradicional concerto dá a benvida ás festas na institución viguesa

A festa lusófona de Uxía inaugura o Nadal na Universidade

Presentou o seu último traballo, 'Meu canto', unha proposta limpa e sen artificios acompañada de ami

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/12/2011
Rodeada de amigos sobre o escenario e cun público entregado que encheu o Centro Cultural Novacaixagalicia, Uxía abriu oficialmente o período navideño na Universidade. Este tradicional concerto que ano tras ano a institución viguesa brinda á cidadanía tivo como protagonista a unha das mellores voces da música tradicional galega que, desta volta, apostou pola mestura, a innovación e o irmanamento lusófono do seu último traballo, Meu canto.

Presentado polo actor e humorista Carlos Blanco, o espectáculo foi unha sucesión de colaboracións sobre o escenario ao que subiron o gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño, o investigador da música tradicional ibérica Eliseo Parra, a angolana Aline Frazâo e a brasileira Ceumar, que presentaron temas dos seus respectivos discos. Uxía, acompañada do músico brasileiro Sérgio Tannus, do galego Xoán Porto e do membro de Berrogüetto Isaac Palacín, reivindicou a lingua como ponte entre culturas, un patrimonio a defender que abre portas a través dos continentes, dende o Brasil ata Angola e dende Portugal ata Macao.

Pero a verdadeira protagonista foi a prodixiosa voz de Uxía, que se reencontrou co seu pasado, co persoal e co artístico, facendo unha relectura dos temas fundamentais do repertorio en directo da cantante e compositora galega. Lembrou os seus tempos de estudante de Filoloxía Románica no campus vigués, no que foi compañeira do actual vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, que asistiu ao recital xunto co reitor, Salustiano Mato e boa parte do equipo de goberno, así como representantes dos tres grupos políticos municipais e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.

En total, dúas horas de percorrido polos seus 25 anos no mundo na música a través do seu último disco, Meu canto, moi centrado na voz como protagonista absoluta e ao mesmo tempo cunha reflexión sobre o acto de cantar, sobre a voz como instrumento e sobre as emocións. Carlos Blanco foi o encargado de presentala, destacando o seu carácter “pausado, case tropical, un deixarse ir" moi relacionado con estes sons da lusofonía e arrincou ao público non poucas gargalladas pero tamén fondas reflexións sobre a lingua e a cultura galegas e sobre diversos temas da actualidade.

O tradicional deixou paso aos lazos da lusofonía

Uxía deseñou para esta especial ocasión un espectáculo que, sen deixar atrás algunha chiscadela á música máis tradicional, se centrou nos sons da lusofonía, ritmos diversos unidos por unha lingua común. Esta defensa da lingua tanto da man de Uxía como de Carlos Blanco, que recoñeceron o esforzo da Universidade neste eido, traduciuse en música, en poemas e en esperanzas lembrando a Uxío Novoneyra e a Manuel María.

O concerto comezou animado e cunha peza tradicional galega para ir deixando paso, a medida que os convidados subían ao escenario, a ritmos das Azores, do Brasil, de África... para volver, ao final do recital, a unha das cancións máis representativas do cancioneiro galego, A Rianxeira. Uxía acabou poñendo ao público en pé nun concerto no que repite, nove anos despois de inaugurar esta tradición do Nadal na Universidade de Vigo. O propósito para o Ano Novo, rematar a carreira que comezou nesta Universidade e que deixou para desenvolver outra moi frutífera no eido musical, unha decisión da que se cumpre este ano o 25 aniversario.