DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro sábado 23 de maio, na Praza de Mugartegui

O Festival Desfunción desmitifica a arte levándoa á rúa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 19/05/2009

Apto para todos os públicos, de 0 a 100 anos, con experiencia artística ou sen ela porque “hai que desmitificar a arte e levala á rúa, non é nada místico”. Esa é a filosofía que segue a inspirar, logo de tres anos, o Festival Desfunción que o vindeiro 23 de maio tomará de novo, da man do Grupo Batbirulau, que organiza o evento, a Plaza de Mugartegui.
Esta xornada artística, que pecha a programación de primavera da Casa das Campás e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, intenta convertir “o día a día en arte e o artístico en algo cotiá”, segundo explican, realizando intervencións e performances na rúa.

Selección de proxectos

Logo dunha convocatoria aberta para a presentación de proxectos para esta edición, xa se coñecen os traballos seleccionados, pero pouco máis que o título e os seus autores se pode desvelar porque boa parte do encanto desta iniciativa está na improvisación. Nada, de Juan José Fuentes Alegría; Araña gigante, de Marcos Blanco Cambeiro, Idaira del Castillo Estévez e Salvador Neira Lorenzo; e Aumentando realidades, de Francisco Julián Martínez Cano foron as accións mellor valoradas polo xurado e integradas na programación. Estas tres accións estarán subvencionadas en concepto de produción, aloxamento ou montaxe pero os organizadores sinalan a importancia de que ningún “vai gañar cartos con isto”.
Videoproxeccións, danza, graffiti, performances, pintura, poesía, música, teatro, desfiles e malabares xa se teñen visto en anteriores edicións do festival. A partir de aí, case todo é posible xa que Desfunción ten amosado como descontextualizar situacións na rúa ou desfuncionalizar os seus obxectos, tomando “a vida como un conto e as accións como un xogo”.

Proxectos fóra da facultade

O grupo Batbirulau xurdiu nas aulas da Facultade de Belas Artes en 2006 como un grupo artístico empeñado en dar a coñecer os seus proxectos fóra dos muros do centro. Logo da primeira edición de Desfunción, participaron noutros proxectos, como o programa Noites Abertas do Concello onde realizaron tres intervención nas rúas da cidade para atraer á xente a lugares estratéxicos mediante globos vermellos de helio, a creación de personaxes de celofán que participaban nunha carreira de sacos ou unha instalación lumínica e sonora. En outubro tamén participaron co proxecto Cal y canto no Espacio de Arte Contemporáneo Archivo de Toledo.