DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades comezaron ás 12.00 horas e prolongaranse toda a xornada

Festival de música e xogos para celebrar San Leandro, patrón da EUET Forestal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 02/04/2009

A Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal celebra hoxe a festa do seu patrón, San Leandro, coa música e o xogos tradicionais como principias vehículos da diversión. Desde as doce da mañá a música soa no centro, onde os estudantes tamén poden probar a súa destreza no lanzamento de aros ou no póker. Con motivo da festividade a organización tamén puxo en marcha un concurso de Pro Evolution Soccer, se ben os que queiran participar terán que aboar 5 euros. O gañador quedará co 70% do diñeiro recadado. Ademais, a festa estará acompañada de comida e bebida, para repoñer forzas, e toda a escola quedou adornada con motivos arbóreos. De feito, tamén están á venda camisetas co logo da festa: un pino cargando unha máquina motoserra.

Música para todos os gustos

A partir das catro da tarde varios grupos de música relevaranse no escenario. Eskrotos mojados, Areavasta, a Banda do Watio e Yoplay, ademais dun grupo de gaiteiros serán os encargados de amenizar a festa. Especial protagonismo terá a orquestra Nievla, que intervirá en dúas ocasións e porá a banda sonora ao concurso de baile, aberto a todos os membros do campus.
Todas as actividades están organizadas por un grupo de alumnos de segundo e terceiro curso que uniron forzas no deseño da programación. O obxectivo é a recadación de cartos para sufragar a viaxe do paso do ecuador, para a que aínda non decidiron destino.