DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha aposta por situar ao campus dentro dos circuítos culturais

O Festival Sinsal 06 trae ao campus diversidade e vangarda musical

O Teatro Vidal Bolaño acolle este sábado un dos concertos desta iniciativa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 05/06/2008
Innovación, vangarda e diversidade musical únense para abrir o Teatro Vidal Bolaño á sociedade e achegar a oferta cultural da Universidade á sociedade do seu contorno. A colaboración coa organización de Sinsal e con Caixanova fai posible que o campus acolla un dos concertos deste festival a fin de semana, no que será o principio dun novo camiño para este espazo universitario. Segundo subliña a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, “somos conscientes de que é unha novidade abrir o teatro un sábado, e un sábado no mes de xuño, pero concibimos esta apertura como unha aposta a favor deste espazo cultural e queremos que se incorpore ás salas que xa hai en Vigo, facéndoa entrar nun circuíto de música contemporánea”. Para a Universidade, este é o primeiro paso dunha colaboración máis estreita con Sinsal pero, sobre todo, coa cidade de Vigo e a sociedade na que se insire.
Os galegos Niño e Pistola, os estadounidenses Dirty Proyectors e os franceses Experience conforman un cartel diferente nun lugar distinto, reunindo tendencias actuais e innovadoras do panorama internacional.

Na busca de novos espazos e sons

Dende que naceu o Festival Sinsal seis anos atrás, conta con dúas liñas claras de traballo. A primeira, apunta o coordinador Julio Gómez, “é apostar por grupos e artistas que toquen por primeira vez en Vigo ou incluso en Galicia e iso repercute na oferta musical que se pon a disposición do público, abrindo camiño a novos artistas”. Pero outro dos intereses do festival é explorar novos espazos e as posibilidades e infraestruturas que ofrece Vigo. “Intentamos buscar novas alternativas e, pola nosa experiencia á hora de organizar concertos, entendemos que a Cidade Universitaria é un dos sitios máis idóneos, non só en Vigo, senón tamén en Galicia para a realización de concertos e outros eventos culturais”, destaca Gómez.
Neste sentido, a vicerreitora explica que “dende Sinsal exploran na música contemporánea e saben que en Galicia, e en particular entre a comunidade universitaria, hai un público receptivo a estes sons contemporáneos e non podíamos estar alleos a estes enfoques e a este festival”. Este xeito de achegarse á realidade musical camiña paralelo aos obxectivos da Universidade de estender a música á comunidade universitaria e de presentar a súa acción cultural ante a sociedade, “como unha programación cultural formativa, que explora, que se pregunta e preocupa polo que está aparecendo, polo que agroma e ten boas perspectivas de futuro”, salienta Cabeza.

Sinsal aposta pola comunidade universitaria

A colaboración da Universidade co festival non se limita ao espazo físico do Teatro Vidal Bolaño. Dende a organización quérese promover a participación e a asistencia da comunidade universitaria a toda a programación de verán de Sinsal, para o que as entradas terán un prezo reducido, agás para o concerto deste sábado no campus, no que a entrada será de balde. Para o resto do público, o prezo da mesma será de 10 euros e as bandas comezarán a tocar ás 19.30 horas.
Mª del Carmen Cabeza confía en que “xa antes da hora da actuación comece a bulir a Cidade Universitaria con xente que se achegue e faga ambiente”, para o que haberá un servizo gratuíto de autobuses. Ás 18.30 horas sairá de Praza América e unha vez rematado o concerto baixará a Vigo. Con todo, a organización valora a posibilidade de que se fagan viaxes durante a actuación nos dous sentidos.

Unha colaboración que vén de longo

A entrada da Universidade na programación de Sinsal ten as súas orixes noutra iniciativa conxunta, o Festival Sonora, que achega ao campus en dúas edicións, a de verán e a de outono, musica innovadora e independente. Segundo a vicerreitora, esta colaboración non é ningunha sorpresa “ xa que nós vemos confiando nos seus promotores dende hai tempo e as propostas que nos traen teñen o interese da calidade, da frescura e da novidade que supón o inconformismo de non quedarse co máis pegadizo”. Sonora botou a andar no 2005 e, na actualidade é xa un referente para os interesados nas apostas alternativas.
Pero a colaboración de Universidade e Sinsal conta tamén co apoio de Caixanova. A súa directora de Actividades Culturais, María Pereira, apuntou que “falar do Festival Sinsal é falar dunha referencia a nivel galego e fóra das nosas fronteiras, un festival sen prexuízos que non se vincula con ningún estilo, tan só coa calidade e coa dinamización dos espazos da cidade”.

Toda a información da programación de Sinsal pode consultarse na web do festival.