DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival Sinsal volve aos escenarios con tres concertos de música de vangarda

A comunidade universitaria beneficiarase dun desconto do 50% nas entradas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 16/09/2008

Folk, jazz, rock e atmosferas medievais baixo o selo común do xa habitual festival Sinsal. Despois do parón estival as propostas musicais de vangarda volven á cidade de Vigo cun programa diverso e equilibrado con cinco grupos internacionais que ofrecerán tres concertos ao longo deste outono.
O acto de presentación deste Sinsal 6 Outono contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Xesús López Carreira; a secretaria da delegación da Consellería de Cultura en Pontevedra, Olga Lema Otón; a vicerreitora de Extensión Universitaria, María del Carmen Cabeza Pereiro e o coordinador do festival, Julio Gómez. Logo de abrir unha nova vía de colaboración na pasada edición de primavera entre a organización e a Universidade de Vigo coa celebración dun dos concertos no campus, a institución académica segue a tomar parte nesta iniciativa dinamizadora para a cidade. Desta volta, todos os membros da comunidade universitaria poderán beneficiarse dun desconto do 50% sobre o prezo das entradas para as tres actuacións.

Innovación, transgresión e equilibrio

As propostas innovadoras que tradicionalmente ofrece este festival convértense nun programa diverso e completo con cinco formacións que van do freak folk do sur dos Estados Unidos da man de Vic Chesnutt ao indie de Elf Power. Estas dúas bandas serán as encargadas de abrir a tempada de outono este venres 19 de setembro no Centro Cultural Caixanova. Os australianos The Necks traerán o seu post-jazz experimental ao auditorio do Centro Cultural Caixanova o 25 de outubro mentres que o peche do programa correrá a cargo de Pantaleimon e Lightning Bolt o vindeiro 24 de novembro. Os primeiros poñen en escena delicadas atmosferas medievais cheas de instrumentos de corda dende o Reino Unido mentres que os segundos ofreceran un repertorio de speed metal ou noise extremo. Unha experiencia límite con dúas propostas antagónicas na sala de concertos do MARCO, un espazo emblemático para Sinsal que se recupera nesta sexta edición.
O programa completo do festival pode consultarse na web de Sinsalaudio, organizadora do evento.