DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun 50% de desconto en todos os concertos para membros da comunidade universitaria

O Festival Sinsal volverá ao campus na súa estación de primavera

Consolídase así este espazo dentro do circuíto musical da cidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/01/2009
Despois da positiva experiencia do pasado ano, o Festival Sinsal volverá na primavera a recalar no campus universitario, na procura de novos espazos para a música experimental e de vangarda. Grazas a esta iniciativa, unha vez rematados os exames de xuño, aínda que a data non está pechada, a Cidade Universitaria encherase de ritmos africanos abrindo o campus a novas posibilidades e usuarios.
“Despois da experiencia do pasado ano, a impresión foi formidable”, explica a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes ao tempo que destaca a importancia de poder “recibir nas instalacións de Universidade a xente que non coñecía o campus e que non o coñecería de non ser polo festival”. Fuxindo de macroconcertos e masificacións, Sinsal7 pretende abrir novas vías culturais de músicas emerxentes e de vangarda ao tempo que se marca como obxectivo incorporar espazos como o do campus universitario ao circuíto de salas de concertos. Nesta idea coincidiron na rolda de prensa de presentación da programación de inverno e primavera tanto a vicerreitora como Julio Gómez, organizador desta nova edición do festival. “Cohesionar a programación co país, trazar novas pontes e novos camiños e apostar polos concertos de formato pequeno, é a nosa marca de identidade e de calidade”, sinalou Gómez.
Pola súa banda, a delegada provincial en Pontevedra da Consellería de Cultura, María Xesús Escudeiro, destacou que “o Festival Sinsal supón a oportunidade e o dereito para o público de asistir a propostas que doutra maneira ficarían inéditas en Galicia, amais de conectarnos coa música que se está a facer no resto do mundo”.
Durante a rolda de prensa Julio Gómez, organizador do Sinsal7, tamén anunciou outra sorpresa, aínda que para o segundo semestre. Consiste en emprazar a estación de verán do festival na Illa de San Simón, mediante un microfestival nunha fin de semana de xullo, para o que xa empezaron a traballar man a man coa Consellería de Cultura.
Aberta a propostas heteroxéneas e a múltiples públicos, esta sétima edición mantén o desconto do 50% nas entradas para estudantes e membros da comunidade universitaria.

Do undergorund aos ritmos africanos

Malia non estar pechada definitivamente a programación tanto de inverno como de primavera, semella que o Sinsal7 se vai mover entre os artistas máis prolíficos do panorama underground internacional e os novos ritmos africanos de vangarda.
Os primeiros en subir ao escenario farano no Museo Marco o vindeiro 1 de febreiro. Os protagonistas conformarán un triple cartel con Evangelista, o celebrado grupo de rock experimental que lidera a cantante Carla Bozulich, Sir Richard Bishop, fundador dos lendarios Sun City Girl e o percusionista de free-jazz Ches Smith.
Para a estación de primavera, a organización presenta un cambio radical de estilo coa presenza de Konono Nº1, grupo congolés que na pasada edición tivo que suspender a súa actuación prevista dentro deste festival. O que empezou como un xeito de combater o infernal ruído das rúas de Kinshasa é hoxe un espectáculo que conta coa beizón da crítica especializada e o 20 de xuño en Vigo a banda terá á fin a oportunidade de demostrar o impacto de Congotronics nun escenario galego.
Os ritmos africanos encherán tamén o campus vigués nun concerto que se prevé se celebre o 19 ou o 20 de xuño. A organización está a traballar para que o Sublime Frequencies Tour traia á Universidade a Group Doueh, un grupo do Sahara occidental e ao sirio Omar Souleyman.
Xunto co campus e continuando co seu compromiso por estender a oferta de calidade por toda Galicia, o festival repetirá este ano a súa extensión en Santiago e estreará outra na Coruña.