DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival Sonora10 primavera inunda o campus coa música máis independente

Coas actuacións do grupo sueco The Legends e Alasdair Roberts

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 15/04/2010

As actuacións de The Legends e Alasdair Roberts encheron o campus cos sons máis independentes co gallo do festival Sonora10 primavera, que concentrou no teatro Vidal Bolaño a estudantado e persoal da Universidade. O grupo sueco The Legends, liderado por por Johan Angergård, foi o encargado de pechar o capítulo musical da programación proposta pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes cun espectáculo que non deixou indiferente aos seus seguidores. Experimentación e creatividade caracterizan o proxecto multiinstrumental que o conxunto achegou ao Vidal Bolaño, no que se mesturan influenzas de grupos como New Order, Felt, The Feelies y The Cure. Ao ritmo futurista do pop-rock electrónico, a banda ofreceu un concerto que foi medrando de intensidade con cada peza. As ansias de creación experimental de Angergård, tamén militante nos grupos Club 8 e Acid House Kings, deron lugar a un traballo engrosa a súa aclamación popular, que a banda acadou co seu álbum debut Up Against The Legends, co que foi catapultado á fama e dende entón teñen publicado xa tres discos, un bo número de EPs, un single en CD e un sete pulgadas.

Música tradicional británica da man de Alasdair Roberts

Actuando como teloneiro, o cantante británico Alasdair Roberts presentou o seu último disco, The Amber Gatherers, arroupado por Alastair Caplin ao violín. Con marcado acento escocés, o cantante ofreceu un concerto de música tradicional en acústico no que fixo as delicias do público coa interpretación da primeira peza Come my darling Polly, cargada de nostalxia.
Os inicios deste artista no mundo da música comezaron hai dez anos coa agravación casera de catro pistas, coas que Alasdair deu forma ao seu primeiro álbum Appendix Out. Inclinándose cara a música tradicional británica e acompañado da súa guitarra, o artista creou o seu primeiro traballo como Alasdair Robert, The Crook of My Arm (Secretly Canadian, 2001), ao que seguiron Farewell Sorrow no 2003 e No Earthly Man, lanzado no 2005.

A MITEU pechará o ciclo teatral da programación cultural

A Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) baixará o pano do ciclo teatral, apostando polas obras creadas, adaptadas, dirixidas e interpretadas con selo universitario. As representacións desta décimo segunda edición desenvolveranse entre os días 20 e 29 de abril dentro da programación cultural da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.