DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Sandra Armesto-Baztán analizou o comportamento e a alimentación destes insectos

A fidelidade da abella á súa flor favorita chega ao 95%

De todo o polen que recollen só un 5% é material mixto procedente doutras especies

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 21/02/2013

Ao longo do día, a abella coñecida como melífera ou doméstica realiza unha serie de viaxes para recoller polen para a súa alimentación e a das súas larvas. En cada desprazamento a Apis mellifera recolecta dúas pelotiñas de polen prensado que carga coas súas patas traseiras. Investigando o comportamento deste insecto no sur de Galicia, a doutora Sandra Armesto-Baztán comprobou que nun 95% dos casos esas cargas de polen proceden dunha soa especie vexetal en nun 5% dos casos de varias. Un pequeno grao de "infidelidade" á súa principal fonte floral que só se produce cando esta comeza a escasear.

A investigadora do campus de Ourense recolleu na súa tese de doutoramento, recentemente presentada, os resultados do traballo que realizou no marco do Grupo de Investigación en Palinoloxía da Universidade de Vigo. Baixo a dirección de Mª Pilar de Sá-Otero e de Emilia Díaz-Losada, a tese, titulada A análise do polen corbicular e estudo de factores da bioloxía floral que condicionan a elección de especies poliníferas, "analiza a dieta das abellas e o seu comportamento recolector", tal e como explica Armesto-Baztán. De marzo a outubro, cada sete ou 15 días e varias veces ao día, a investigadora recolleu mostras mediante trampas "caza-polen" colocadas á entrada de catro colmeas situadas no sur de Galicia, concretamente en Marcón (na costa) e en Lobios e Viana do Bolo (no interior).

Insectos de hábitos pero con diferenzas segundo a zona

“A produción media diaria de polen en Marcón foi de 9,4 gramos, en Lobios de 60 gr e en Viana do Bolo de 24,4 e 21 gr, sendo polo tanto considerablemente maior no interior que no litoral”, subliña Sandra Armesto-Baztán. Na análise deste mateiral, a xa doutora detectou que a porcentaxe de pelotiñas homoxéneas, dunha soa especie, era do 95%, sendo o 5% restante heteroxéneas, compostas por polen doutras especies diferentes. “As abellas recollen polen preferentemente das especies máis abundantes na súa contorna, que forman densas poboacións, pero cando esta oferta comeza a desaparecer e precisan buscar e probar outras fontes é cando se produce a aparición das cargas polínicas mixtas”, destaca a investigadora da Facultade de Ciencias.

Segundo salienta o estudo, hai fontes "rendibles" que son visitadas polas abellas unha e outra vez (segundo o ritmo que impón a bioloxía desa flor) e a súa utilización prodúcese en cascada ao longo do día, durante días sucesivos, ata que esa especie é substituída por outra. "En ausencia de floración de especies maioritarias, a abella recorre a outras especies comodín”, comenta a investigadora. Deste xeito, explica Sandra Armesto-Baztán, en orde decrecente, a maior cantidade de polen foi aportada en Marcón por leguminosas, gramíneas e plantaxináceas; en Lobios, por ericáceas e rosáceas, seguidas de fagáceas; e en Viana do Bolo na colmea A por rosáceas, ericáceas e fagáceas, e na B por rosáceas, ranunculáceas, compostas, ericáceas e fagáceas.

O atractivo das proteínas que envolven o polen

A investigadora tamén destaca que "unha elevada cantidade de proteína no pollenkitt, na cuberta dos grans de polen, ten un carácter importante no proceso selectivo de fontes polínicas por parte das abellas, se ben as outras características da fonte non poden ser obviadas, como a dispoñibilidade da especie, a densidade na flora local, a capacidade das flores-inflorescencias para atraer ás abellas, a facilidade de acceso aos estames, a ornamentación do gran de polen, os aromas, etc.”. Concretamente, as plantas con maior riqueza de proteínas no seu pollenkitt identificadas neste estudo foron Cytisus scoparius-t., gramíneas silvestres, Plantago lanceolata, Quercus robur-t., Salix fragilis, Sanguisorba minor e Spergularia rubra-t. A elección dunha fronte ao resto das ofertas débese, explica a investigadora, á conxunción de toda a serie de circunstancias que rodean a esa fonte nese momento determinado (características propias á súa natureza e á da competencia que lle rodea).

Por último, o estudo tamén permitiu analizar os hábitos diarios das abellas, salientando que nos catro casos estudandos teñen un comportamento semellante en relación coas horas do día nas que a actividade é máxima, que é nas horas centrais do día, de 12:00 a 16:00 h. Ademais, apunta Sandra Armesto-Baztán, para a colmea de Marcón as maiores cantidades de polen de forma absoluta foron recollidas desde mediados de xuño a comezos de xullo, presentando un máximo a mediados de maio. Para Lobios os días de máxima produción foron no mes de abril e para Viana do Bolo o día de recollida máis intensa foi o 25 de maio.