DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Belas Artes Manuel Sendón manténse desde 2008 á fronte do blog 'Inédito'

Unha fiestra para fotografías nunca vistas antes

Nesta web recolle traballos non publicados previamente, moitos deles xurdidos na propia facultade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 09/06/2014

Que nunca antes foran publicadas, máis aló de perfís persoais nas redes sociais, esa é a condición inicial que deben cumprir todas as fotografías que Manuel Sendón recolle en Inédito. Desde o ano 2008, este profesor da Facultade de Belas Artes presenta neste blog unha serie de traballos nunca antes exhibidos e en moitas ocasións nacidos nas propias aulas da facultade pontevedresa, como recoñece este docente, que explica que este espazo “naceu coa idea de establecer un diálogo entre artistas xa coñecidos e artistas emerxentes, prestándolle unha especial atención a estes últimos”.

O proxecto Inédito naceu en 2008 como un blog e como unha sección mensual do semanario A Nosa Terra. Trala desaparición desta publicación, Sendón optou por manter o proxecto exclusivamente na rede, sen variar un ápice a súa filosofía. “Cando existía a revista, era a primeira vez que se vían publicadas as imaxes en papel e agora sucede o mesmo en internet, se excluímos as redes sociais”, explica o responsable dun blog que acumula preto de 60.000 visitas.

Un xeito de proxectar o traballo feito na facultade

Con ese obxectivo de contribuír a dar difusión ao aínda inédito, Sendón presta especial atención no seu blog "ao traballo de artistas novos, que maioritariamente proceden da Facultade de Belas Artes”. De feito, boa parte das fotografías que selecciona son imaxes recentes que forman parte de traballos de fin de grao ou que supoñen unha continuación dos proxectos xurdidos nas aulas. Neste senso, o responsable deste blog recoñece que con esta iniciativa busca achegar o seu gran de área á difusión da obra do seu alumnado, nuns momentos “nos que a situación é adversa para a cultura en xeral e para a arte en concreto”.

Neste senso, o profesor apunta que Inédito foi a primeira fiestra a través da que se puideron contemplar “traballos que os seus autores e autoras publicaron cando estaban rematando a carreira e que despois tiveron unha interesante proxección, como o foi o caso de Xulia Aranda ou David Catá”. Así mesmo, Sendón tamén salienta a “interesante traxectoria” profesional que desenvolveron tras saír de Belas Artes outros dos fotógrafos que pasaron por Inédito, "como é o caso de Fran Herbello ou Victoria Diehl".

Por outra banda, Inédito tamén ten servido para presentar o traballo de fotógrafos xa consagrados como Luis González Palma, Milagros de la Torre, Pierre Gonnord ou o Joachin Schimd. Neste caso, trátase de profesionais cos que Sendón tivo a oportunidade de traballar e aos que convida a sumarse ao blog con imaxes que xeralmente, “corresponden a proxectos nos que están a traballar nese momento, aínda que nalgúns caso publicáronse tamén algunhas fotografías que no seu momento quedaran inéditas”.

Con esa combinación das dúas vertentes búscase precisamente ese diálogo entre os novos talentos da fotografía e os xa consagrados. De feito, como recoñece Sendón, a presenza dos traballos de alumnos e ex-alumnos permitiu en máis dunha ocasión espertar o interese do mundo profesional pola obra dos talentos xurdidos da facultade. Ese foi o caso, por exemplo, da serie Burkas de Xulia Aranda, “que foi convidada a participar nos Encontros da Imaxe de Braga despois de que o seu director, Rui Prata, a vise no blog”, relata Sendón.