DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Acuña, profesora da Universidade de Vigo:

“A figura de Álvarez Blázquez foi vital para o mantemento da cultura galega nunha época dominada pola censura”

Ofreceu un relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución co gallo da homenaxe que as Letras Galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 07/05/2008
A través da lectura de cartas escritas polo propio autor, artigos de revistas e xornais e textos representativos da súa obra, Ana Acuña, profesora da Universidade de Vigo, repasou a creación, así como as circunstancias persoais que nela influíron, do escritor Xosé María Álvarez Blázquez, “unha figura vital para o mantemento da cultura galega nunha época dominada pola censura e o silenciamento da produción literaria”, tal como expresou a docente.
Co gallo da homenaxe que este ano renden as Letras Galegas a este escritor, Acuña ofreceu na Facultade de Filoloxía e Tradución unha conferencia para afondar na vida e obra deste persoeiro polifacético que destacou no campo da poesía, da narración, do ensaio e do teatro, entre outros.
Nado en Tui en 1915, Álvarez Blázquez pertence a unha xeración marcada pola Guerra Civil, un feito que o condenou ao exilio e que coutou as súas expectativas de renovación da literatura galega. Esta circunstancia obrigouno, ao igual que á maior parte dos membros da súa xeración, “a desenvolver a parte máis importante da súa obra trala posguerra, colaborando na recuperación cultural do país, tanto dende o interior como dende o exterior”, dixo Acuña.

O Álvarez Blázquez poeta

Xuventude, madurez e poesía ocasional son as tres etapas nas que se pode dividir a obra poética desenvolvida por Álvarez Blázquez. Nos seus inicios, na década de 1930, o autor moveuse entre a vangarda e a tradición con obras como Arco da Vella (inédito) e Poemas de Ti e de Min, escrito en colaboración co seu irmán Emilio.
Nunha xeira posterior, destacan os textos Roseira do teu mencer, dedicado á súa defunta filla Colorín, e Canle Segredo, un libro no que se adiantou a movementos posteriores como o intimismo e o socialrealismo e cuxo título simboliza a situación da literatura galega na época, segundo Carballo Calero. Destaca ademais o Cancioeiro de Monfero, unha obra apócrifa, xa que Álvarez Blázquez afirmou que se trataba dun texto do S. XIII co que se atopou por casualidade. Precisamente, foi un 28 de decembro o data elixida para dar a coñecer o texto, co que se converteu na inocentada máis famosa da literatura galega”, segundo comenta a profesora.
Os últimos poemas do homenaxeado son textos soltos de variada temática: poemas de contido social, poemas de circunstancia e de homenaxe, epigrama, brinquedos líricos. “Estas obras fan medrar a estatura literaria do autor”, conclúe Acuña.

Narrador, ensaísta e dramaturgo

Ademais de adentrarse no mundo do teatro con dúas pezas inéditas, ao longo da súa vida literaria Álvarez Blázquez cultivou a narrativa longa en castelán e a breve en galego cos contos Os ruíns e O afillado, e o libro A pega rabilonga e outras historias de tesouros.
No tocante ao xénero do ensaio, o autor tratou temas tan diversos como a literatura, a historia, a lingüística e a etnografía, destacando as súas obras sobre lírica medieval e popular, así como sobre autores descoñecidos ou pouco coñecidos dos Séculos Escuros, do S. XIX e XX. Por outra banda, son salientables os seus estudos arqueolóxicos e históricos, que o levaron a “colaborar en publicacións viguesas para difundir a historia da cidade”, segundo palabras de Acuña.