DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ademais, arte, saúde, moda e arquitectura nos ciclos "O final da historia" e "Os Xoves de Moda"

Un filme do alemán Syberberg abre a proposta cultural da semana na Casa das Campás

O venres pechará a programación semanal a compañía de teatro Chévere coa obra "Os Dildos"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 19/04/2010

A actividade cultural da Casa das Campás presenta unha proposta variada para esta semana, que comeza hoxe coa proxección do filme Ludwig, requiem por un rei virxe dentro do ciclo de cinema alemán Do tormento ao éxtase. Seguirá o xoves con máis cinema, desta volta para falar de saúde, diferenza e arte co creador Vicente Blanco. Tamén o día 22 de abril terá lugar o segundo encontro dos Xoves de Moda coa arquitecta Guadalupe Piñeira e, o venres ás 21.00 horas, dentro da programación da sección Interzonas, a compañía de teatro Chévere traerá a súa divertida peza Os Dildos, que mestura música e pensamento feminista para derrubar os tópicos da masculinidade.

Revisión do Novo Cinema Alemán

O ciclo de cinema Do tormento ao éxtase está coordinado polo profesor de Belas Artes Suso Novás e como el mesmo explica, “pretende trazar un panorama sobre o Novo Cinema Alemán, desenvolvido entre os sesenta e os oitenta, para amosar a heterodoxia dentro deste suposto movemento homoxéneo, que xorde para contrarrestar o cinema institucionalizado”.
Este movemento está influído polos condicionantes contextuais dos cineastas, pois todos eles viven na República Federal Alemá e beben das escolas culturais e de pensamento do momento, en particular á Escola de Frankfurt. De aí que os puntos en común do seu cinema sexan os seguintes: a ruptura coas estruturas narrativas clásicas introducindo crebas formais e argumentais, a autorreflexión sobre o cinema como medio, o cinema como unha forma de pensamento e reflexión histórica e a unión das diferentes artes (música, teatro, cabaret...).
Malia isto, Suso Novás considera que existe unha grande diversidade de formulacións entre eles. “Cando falamos de cinema alemán adoitamos pensar en Herzog, Fassbinder ou Wim Wenders, pero son moitos máis”, opina, polo que no ciclo poderán verse tamén filmes de A. Kluge, P. Handke, Volker Schlöndorff ou Helke Sander. Hoxe proxéctase o filme Ludwig, Requiem por un rei virxe de Syberberg, do que Novás destaca a hibridación que fai das tendencias teatrais derivadas da obra de Bertolt Brecht e a música culta, neste caso as óperas do ciclo dos Nibelungos e Tristán e Isolda de Wagner.

Xoves de cinema, saúde e arte e máis moda e arquitectura

Este xoves recala no ciclo de cinema e saúde O final da historia o artista Vicente Blanco. Cun relatorio titulado Obxectos, pezas, persoas abrirá na EU de Fisioterapia, xunto coa profesora Berta Paz, un espazo de reflexión en torno ao filme O home elefante de David Linch. Os temas centrais serán o significado de sentirse diferente, os conflitos internos na construción da identidade e o medo ao rexeitamento. Precisamente o traballo artístico de Vicente Blanco céntrase na representación da identidade tanto individual como colectiva e tense exposto en espazos como o Musac de León, o Pompidou de París, o CGAC ou o Reina Sofía.
Tamén o xoves, a arquitecta Guadalupe Piñeira, socia do estudo Irisari+Piñeira desde 1989 e profesora da Escola de Arquitectura da Coruña, expoñerá a súa particular visión do sector do deseño téxtil e a moda no ciclo Os Xoves de Moda.

Testosterona e textos feministas para deconstruír a masculinidade

Os Dildos é un fragmento da obra Testosterona, extraído pola súa idoneidade para representar en espazos non teatrais, porque non precisa de iluminación nin de escenario demasiado grandes. É unha peza de teatro breve e cargada de humor, que pon en cuestión os elementos da masculinidade. As actrices Natalia Outeiro e Patricia de Lorenzo interpretan a Tito e Fran, os cantantes dunha banda de punk rock, que entoan textos inspirados no manifesto Society for Cutting Up Men de Valerie Solanas, todo un clásico do feminismo radical dos anos 60, versionado con liñas melódicas de Sex Pistols, Ramones ou Siniestro Total.