DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A película 'Todos os Santos' presentouse en CCSS e da Comunicación na Máster Class Audiovisual Galeg

Un filme rodado en dúas semanas co que estimular ao alumnado a levar adiante os seus proxectos

A sesión contou coa participación do guionista José Antonio Pastor e do gañador de tres Goya Ángel d

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 18/03/2014

Unha mensaxe de optimismo e esperanza para todo aquel que queira levar adiante o seu propio proxecto audiovisual foi o que deixou nesta xornada a proxección na Máster Class Audiovisual Galego (Augal) do telefilme Todos os santos. Xurdida dun guión de José Antonio Pastor, polo que en 2001 foi finalista dos premios Pilar Miró da Academia das Ciencias e das Artes da Televisión, a longametraxe que dirixiu Chema Gagino e produciu o gañador de tres Goya Ángel de la Cruz converteuse en realidade doce anos despois nunha rodaxe de tan só dúas semanas. Por iso, Pastor quixo trasladar ao alumnado que “hoxe en día, quen quere contar unha historia debe crer no seu proxecto e intentar sacalo adiante”.

“Que isto se puidese facer no tempo en que se fixo significa que todo o mundo debera poder rodar. Hoxe en día cos medios que hai, coas cámaras que están ao alcance de case todos, e cunha fe tremenda pódense facer moitas cousas”, salientou Pastor na presentación da penúltima sesión de Augal 2013-2014, que desta volta “abriuse a un novo formato, o das películas que, a pesares de manter o mesmo código narrativo que o cine, son feitas exclusivamente para televisión”, como explicou Miguel Ánxo Fernández, responsable xunto coa profesora Anna Amorós dunha iniciativa que conta co patrocinio da Axencia Galega das Industriais Culturais (Agadic).

Contar cun elenco de só seis actores e centrar fundamentalmente a rodaxe nunha mesma localización foron precisamente os motivos que levaron a que esta “película de baixo orzamento se pensase desde un principio para televisión”, explicou Ángel de la Cruz. Como unha comedia que narra a historia de tres irmáns que retornan á casa familiar cada día de Todos os Santos, foi presentado un filme estreado na TVG o pasado 1 de novembro e cuxo equipo traballa actualmente na súa dobraxe ao castelán coa idea de “poder vendela a outras televisións autonómicas ou mesmo a algún canal hispanoamericano”, segundo salientou o seu produtor.

Gañador do Goya á mellor película de animación por O bosque animado e por O soño dunha noite de San Xoán e do Goya ao mellor guión adaptado por Arrugas, Ángel de la Cruz recoñeceu que este tipo de recoñecementos constitúen un apoio “á hora de buscar recoñecemento e recursos” para unha película. Non obstante, tamén matizou que “ao final cada proxecto é un mundo” e que Todos os Santos foi posible grazas ao “o esforzo de todo un equipo permitiu facer unha longametraxe de 90 minutos nun tempo de rodaxe récord”.

Unha plataforma de lanzamento para novos creadores

A terceira edición de Augal, que conta con máis de 150 matriculados, pecharase o vindeiro martes 1 de abril coa proxección de O ouro do tempo, un filme escrito, dirixido e producido por Xavier Bermúdez, que vén de ser seleccionado para o Festival de Cine Española de Málaga, e que constitúe outro dos proxectos realizados “por xente xa asentada no panorama audiovisual galego que se exhiben en Augal”, como explica Anna Amorós, que destaca a valía que esta iniciativa ten como “unha canle alternativa ao circuíto comercial para dar a coñecer películas que en moitas ocasións non pasan polas salas de cine”.

Así mesmo, a profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación tamén explica que para a programación da terceira edición de Augal optouse por combinar os traballos de profesionais consolidados cos proxectos de novos realizadores, nalgúns casos ex-alumnos e ex-alumnas da facultade, e por ese motivo avogou porque esta Máster Class Audiovisual Galego “poida converterse co tempo nunha plataforma de lanzamento para a xente nova”.