DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo Concello coa colaboración da Universidade

Filmes e educación únense na cidade "en aulas de cine"

Unhas xornadas ensinarán aos docentes a valerse do audiovisual como ferramenta pedagóxica

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 24/03/2010

Son moitas as situacións ás que se enfronta a cotío o colectivo dos adolescentes e que van dende os conflitos cos adultos e o consumismo ata unhas expectativas de formación e de traballo confusas ou moi variables. Son moitos tamén os riscos que estes mozos e mozas deben afrontar no seu día a día, entre eles o consumo de drogas e a posibilidade de desenvolver unha dependencia cara estas sustancias. A educación xoga un papel fundamental para que os máis novos e novas adquiran a formación e os coñecementos necesarios que lles permitan enfrontarse ás dificultades da vida. Pero hai tamén outra ferramenta importante que pode axudar aos docentes na súa difícil tarefa de ensinar: o cine. Dende a Concellería de Sanidade do Concello de Ourense decidiron unir os dous conceptos, educación e cine, para pór en marcha o programa Cine e Saúde hai 15 anos, o que lles permitiu editar 42 unidades didácticas de películas con eixes temáticos sobre a convivencia e os valores. Para celebrar o décimo quinto aniversario da iniciativa decidiron organizar este ano unhas xornadas co obxectivo de estimular ao docente a incorporar a linguaxe audiovisual á aula “para achegar ao alumnado os problemas do ser humano e desenvolver a capacidade crítica que necesitan fronte aos medios”, segundo explica Paz Villa, técnica en prevención de drogodependencias da Concellería de Sanidade e coordinadora da iniciativa. A actividade leva por título Unha ollada á educación co cine, desenvolverase os días 13, 14 e 15 de abril no Auditorio e no seu desenvolvemento colabora tamén a Facultade de Ciencias da Educación. A inscrición é gratuíta e o prazo remata o día 7 de abril.

Relatorios e obradoiros sobre cine e educación

Patricia Digón, pedagoga e profesora da Universidade da Coruña, vai ser a persoa encargada de pronunciar o relatorio inaugural das xornadas o día 13 de abril e que versará sobre As linguaxes audiovisuais nas multipantallas e a educación. O programa contempla a celebración de dous obradoiros; o primeiro deles tratará sobre Como trata o cine contemporáneo a prevención, os consumos de drogas e as adiccións e estará impartido por Nacho Jarne, pedagogo e profesor da Universidade da Coruña. O segundo obradoiro correrá a cargo do filósofo Xosé María Aguilera Carrasco que introducirá aos asistentes na Aplicación didáctica do cine na aula. Outra actividade importante da iniciativa é unha mesa redonda sobre Experiencias co cine e a educación na que participarán tres expertos para abordar diferentes temáticas, como a de aprender valores co cine ou a sétima arte como elemento de prevención na educación infantil e primaria.

Loitar contra a pasividade política dos mozos e mozas

Din os expertos que un dos trazos que definen a gran parte da mocidade do Norte do planeta é a súa pasividade política. Nas palabras do filósofo Xosé Manuel Domínguez Prieto “son fillos e netos da abundancia que non aspiran senón a prepararse para un futuro profesional e economicamente brillante e para un fin de semana divertido”. Os valores quedan, xa que logo, nun segundo plano e entre eles os referentes á dimensión política da vida. Esta realidade foi a que motivou a elección da película A Ola para o cinefórum que se desenvolverá o día 14 de abril, último día das xornadas. Trátase dun filme dirixido por Dennis Gansel no ano 2008 e que conta a historia dun profesor de instituto na Alemaña de hoxe que decide realizar un experimento cos estudantes para explicarlles as características da autocracia e os gobernos totalitarios. Domínguez Prieto dirixirá o coloquio posterior á proxección onde se farán unhas reflexións da educación co cine utilizando como punto de partida unha película que, segundo afirma, “pon sobre a mesa problemas como quen son as persoas máis manipulables, cales son os mecanismos para a manipulación, que grupos levan ás persoas a mellorar como tales, que é unha ideoloxía, que é un líder... coa vantaxe de que trata estas temáticas nun contexto académico de ensino medio o que favorece moito a modelaxe e a identificación co alumnado desta idade”, declara. Domínguez Prieto cre que para construír unha cidadanía activa, crítica, responsable e madura non abonda con desenvolver habilidades técnicas ou instrumentais. “Un homo faber pode saber moi ben como vivir pero non para que vivir nin como vivir cos demais. O homo faber, se non é tamén homo sapiens, pode ser doadamente manipulado, sometido a calquera movemento ou ideoloxía que lle ofreza un marco de sentido”, declara.