DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de gañar visibilidade nos círculos europeos de literatura iberorrománica

Filólogos da Universidade elixen unha editorial de Berlín para publicar a colección de estudos literarios iBroLit

Xa se publicaron catro volumes e en 2014 e 2015 verán a luz outros cinco

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/03/2014

Da Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo a Berlín e, dende aí, aos institutos, facultades e demais círculos de estudos académicos europeos de literatura iberorrománica. Este xoves presentouse en Vigo a colección de estudos literarios iBroLit, Ibero-Romance Studies in Literature and Translatology, un proxecto posto en marcha por GAELT, Grupo de Análise e Estudo da Literatura e de Tradutoloxía da Universidade de Vigo, e publicado pola editorial alemá, Frank & Timme. Por que nunha editorial de Berlín e non nunha galega ou portuguesa? “A decisión responde ao noso desexo de divulgar os estudos literarios galegos e portugueses nos ámbitos académicos do centro e do este de Europa”, subliñou o profesor Burghard Baltrusch, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, investigador de GAELT e editor da colección, xunto aos investigadores Teresa Bermúdez e Gabriel Pérez.

“A globalización afecta de forma moi especial o mundo académico e esixe unha crecente internacionalización dos nosos estudos así como a procura de interlocutores fóra da península ibérica”, recalcou Baltrusch, ao tempo que explicou que se elixiu esta editorial, de corte moi académico, porque ten unha presenza asidua nas grandes feiras do libro de Frankfurt e Leipzig, nos congresos europeos especializados nestes ámbitos e que se move nun ámbito económico forte e con grande poder adquisitivo para a compra de libros. “Ademais, de cara ao futuro o contrato de edición tamén nos permitirá divulgar os estudos de iBroLiT en formato dixital por conta propia”, subliñou o investigador.

Da Pornografía de Lupe Gómez ao concepto de utopía en Saramago

Xa se editaron catro volumes e entre 2014 e 2015 sairán do prelo outros cinco. O primeiro deles, editado por Baltrusch, reúne todas as análises da obra de Lupe Gómez, quen irrompeu con forza no panorama literario galego en 1995 coa publicación de Pornografía, un claro exemplo do que denominan “feminismo decidido e non convencional”. Xunto a unha entrevista coa autora e un glosario cos conceptos centrais da súa escrita, o volume inclúe tamén a tradución de dous dos seus poemarios ao inglés, francés, portugués e alemán.

Xa no segundo volume, o profesor e escritor Manuel Forcadela analiza as relacións entre o imaxinario literario e o imaxinario nacional na literatura galega contemporánea, un percorrido no que trata de dilucidar en que medida a nación galega moderna brota e é debedora das fabulacións dos seus literatos e literatas e, tamén, pola contra, en que medida estes e estas se alimentan e beben das fontes nacionais. “É unha visión moi persoal da Literatura Galega Contemporánea”, subliña Forcadela, que explica que ao longo do texto se sacan unha serie de conclusións “que son máis preguntas que respostas e que serven para abrir camiños de cara a novas interpretacións”.

O profesor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, dedica o terceiro volume da colección a revisar o impacto de Coloquio de 24 galegos rústicos (1746) de Martín Sarmiento (1695-1772) no Rexurdimento e a reclamar para este texto e para o seu autor “unha envergadura literaria ata o de agora negada”. Tras achegarse ao texto e analizar o impacto da obra, Angueira reivindica a figura de Sarmiento como “o primeiro escritor da Literatura Galega Contemporánea, o seu primeiro filólogo e, sobre todo, a primeira figura destacada que defendeu a nosa lingua”.

O cuarto volume, editado por Baltrusch e recén saído do prelo, aborda o concepto de utopía na obra do Premio Nobel de Literatura José Saramago e nel participan algún dos máis prestixiosos estudosos da obra deste autor.

Literatura galega en inglés, alemán, francés...

Vertebrada en tres subseries (literatura contemporánea, estudos medievais e tradutoloxía), a colección inclúe a publicación de estudos en inglés, francés, galego, alemán, portugués e español. Concíbese como un foro capaz de explorar novos marcos teóricos e metodolóxicos nos diversos contextos sociais, culturais, históricos, científicos, tecnolóxicos ou pedagóxicos e tamén de pór a proba os xa existentes, explicaron os editores durante a presentación, ao tempo que subliñaron que cada volume “materializa un esforzo orixinal”, xa sexa en forma de monografía, de volume colectivo, de edición crítica, de antoloxía, de obra de referencia ou de libro de texto destinado ao posgrao.

O sexo nas cantigas de escarnio galego-portuguesas e as experiencias da mobilidade feminina na literatura galega, son dous temas nos que os investigadores xa están a traballar e que verán a luz ao longo do ano 2014 ou principios de 2015.

Grupo GAELT

O grupo GAELT está composto por 18 investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, nove deles doutorandas ou doutorandos. A maiores, o grupo conta coa colaboración de sete investigadoras/es doutros centros, entre os que se atopan as universidades de Viena, Poitiers, São Paulo e Rio de Janeiro.

O equipo editorial de iBroLiT componse na actualidade de tres membros de GAELT -Burghard Baltrusch, Teresa Bermúdez Montes e Gabriel Pérez Durán- coa profesora catedrática Camiño Noia Campos como editora de honra.