DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participaron 45 estudantes das universidades de Vigo e Leiden, nos Países Baixos

Filoloxía e Tradución amosa nunhas xornadas a complexidade social e riqueza cultural das comunidades multilingües

A actividade incluíu a produción dunha decena de vídeos sobre esta temática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 15/12/2023

“Queremos dar a coñecer a complexidade social e riqueza cultural das comunidades multilingües do mundo, así como fomentar a concienciación sobre o perigo que corren certas linguas minorizadas e reflexionar sobre as actitudes de falantes e institucións cara a elas”. Así explican os docentes Alexandre Rodríguez Guerra e Elena Seoane Posse os obxectivos da I Xornada de multilingüismo que se celebra este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución.

Inauguradas polo decano da facultade, José Montero Reguera, e os propios coordinadores, Rodríguez Guerra e Seoane Posse, as xornadas reúnen a participación  de máis de 40 estudantes das universidades de Vigo e Leiden, nos Países Baixos, así como un grupo de persoas expertas en multillingüismo. “Síntome especialmente orgulloso desta actividade xa que combina o potencial de dous dos nosos departamentos, o de Filoloxía Galega e Latina, e o de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, e que conxuga, ademais, a colaboración do noso alumnado con estudantado de Leiden”, salientou o responsable do centro. A maiores, os coordinadores admitiron sentirse “especialmente orgullosos”, tanto pola actitude do alumnado, como polos resultados acadados.

10 vídeos con múltiples voces e reflexións

O encontro serve como escaparate para dar a coñecer os froitos dunha experiencia de traballo conxunta entre o alumnado de terceiro curso do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE), do Grao en Linguas Estranxeiras (GLE), cun total de 37 estudantes, e de oito alumnas e alumnos do Bachelor of Arts in International Studies da Universidade de Leiden. “Este alumnado formou 10 grupos de traballo que se reuniron periodicamente ao longo do primeiro cuadrimestre ao abeiro dun Proxecto Europeo en Multilingüismo”, apunta a profesora Seone, quen explica que o resultado final foi a elaboración dun vídeo por parte de cada grupo, pezas que inclúen reflexións propias do alumnado e as voces de moitas persoas entrevistadas, “quer polo seu carácter multilingüe (galego, catalán, bérber, éuscaro, frisón...), quer por seren expertas en multilingüismo, quer por teren responsabilidades de política lingüística, entre elas o reitor da UVigo ou o concelleiro responsable da Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra”.

Xunto co traballo do alumnado, a xornada conta tamén coa participación de catro persoas expertas en multilingüismo: Montse Comesaña, da Universidade do Minho; Reyes Rodríguez Rodríguez, do Instituto da Lingua Galega; Xurxo Martínez González, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, e Pedro Álvarez Mosquera, da Universidade de Salamanca.

Do ‘cerebro multilingüe’  ao bérber en Galicia e Países Baixos

Atendendo á temática dos vídeos elaborados polo alumnado, a xornada dividiuse en tres grandes seccións: o cerebro multilingüe, multilingüismo e política lingüística en Galicia e o papel do inglés na dinámica lingüística das comunidades multilingües. O primeiro panel contou coa participación de Montse Comesaña, quen se achegou ao fenómeno do multilingüismo desde unha perspectiva psicolingüística. A continuación, dous grupos de alumnas e alumnos expuxeron os seus vídeos: un sobre a situación do bérber en Galicia e nos Países Baixos e outro sobre o multilingüismo de Malasia en Galicia.

No caso do panel sobre multilingüismo e política lingüística en Galicia levouse a cabo, entre outras temáticas, unha comparativa entre o bilingüismo en Galicia e nos Países Baixos (o caso do frisón) e achegouse aos asistentes á realidades como o caso da mocidade na Limia Baixa ou o bilingüismo no ámbito universitario. A última sección, centrada no papel do inglés neste tipo de comunidades, achegouse a realidades como a sociedade sudafricana ou a situación deste idioma nas sociedades holandesa, polaca e galega.