DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada esta semana sobre vulnerabilidade de xénero

Filoloxía e Tradución debate sobre a resiliencia e resistencia na obra das escritoras contemporáneas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 05/10/2023

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu esta semana as xornadas de sensibilización Gender Vulnerability: Resilience and Resistance in the Work of Contemporary Women Writers impulsadas pola Unidade de Igualdade e organizadas en colaboración co Programa de Doutoramento Idaes-UVigo. Esta actividade, asociada á investigación de Irish Studies at UVigo e coordinada pola investigadora Teresa Caneda, investigadora principal do proxecto Intruths 2, comprendeu dous días de debates coa presenza de expertas das universidades de Granada, Huelva e Santiago de Compostela.

O primeiro día das xornadas centrouse no panorama e tradición literaria irlandesa. Pilar Villar Argáiz, profesora de Universidade de Granada, ocupouse na súa exposición de contextualizar e analizar a obra das poetas Eavan Boland e Paula Meehan, que utilizaron a súa poesía para responder e loitar contra os mitos da identidade nacional irlandesa e o anterior canon literario case exclusivamente masculino, explorando temas polémicos como a sexualidade, a masturbación ou a anorexia.  

Nesta primeira xornada tamén interveu Auxiliadora Pérez Vides, profesora da Universidade de Huelva, que abordou o tema das Magdalene Laundries, institucións que durante décadas funcionaron como a “arquitectura de contención da nación”, onde se ocultaron e explotaron as coñecidas como 'fallen women' que, por quedar embarazadas fóra do matrimonio, supoñían unha deshonra para as súas familias. Pérez analizou como esta realidade, que se mantivo oculta do relato oficial da sociedade irlandesa ata que escándalos recentes a destaparan, da pé a outras cuestións relacionadas coa empatía e a vulnerabilidade. A profesora Pérez Vides investigou como estas ideas son abordadas na novela curta de Claire Keegan Small Things Like These (2020), na que reflexiona sobre como os afectos, a vulnerabilidade e a responsabilidade moral atravesan os personaxes e as súas decisións.  

De Irlanda a Reino Unido

A segunda xornada deste seminario deixou atrás a contorna irlandesa para mirar cara o contexto británico actual da man de Laura Lojo Rodríguez, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa intervención teorizou sobre as fronteiras e conceptos asociados a elas, como a identidade nacional e os fenómenos políticos recentes que exacerban o sentimento nacionalista en Europa e no Reino Unido. Lojo centrouse en narrativas que “desestabilizan e problematizan” estas nocións, concretamente relatos e antoloxías recentes escritas por refuxiados e solicitantes de asilo. Así, na súa exposición e no debate posterior xurdiron cuestións xa presentes no día anterior, como a empatía e a responsabilidade moral dos cidadáns, a construción da identidade nacional e a ocultación de realidades incómodas lonxe do discurso público, xa sexa en Magdalene Laundries ou en campos de internamento de estranxeiros.