DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumno de 2º de Tradución e Interpretación, precisa unha operación para poder camiñar

Filoloxía e Tradución implícase de cheo na gala Axuda a Senén

Será o 31 de xaneiro ás 17.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresar

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 22/01/2013
Captar fondos para a operación que Senén precisa. Este é o obxectivo da gala benéfica Axuda a Senén a operarse para poder camiñar, un evento que se celebrará o vindeiro 31 de xaneiro no salón da actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, o auditorio con máis aforo do campus. Rubén Riós, Eladio Santos, Mago Marco, Woyza ou os televisivos Hugo y Yhadira son algúns dos nomes dos artistas galegos que se uniron xa a esta iniciativa solidaria que se está a organizar dende a Facultade de Filoloxía e Tradución, centro no que estuda Senén e no que se puxo en marcha unha plataforma na que persoal, alumnado e docentes están a poñer “toda a carne no asador” para que todo saia á perfección e se recade unha cifra económica que achegue a Senén ao seu soño “unha ilusión que xa é de todos”, subliña Paloma Cabal, encargada da cafetería do centro e unha das principais impulsoras da plataforma, xunto a outras dúas compañeiras, Amalia Román e Marina Alcalde, a cara visible dunha iniciativa á que xa se sumou a delegación de alumnos e un bo número de docentes, que non dubidaron en adiar un exame para facilitar así a asistencia de todo o alumnado.

O custe total do tratamento supera os 40.000 euros

Alumno de 2º curso de Tradución e Interpretación, especialidade Español-Inglés, Senén Álvarez é un mozo vigués con parálise cerebral dende que era un bebé, unha enfermidade que lle provocou, entre outras consecuencias, diplexia, unha parálise bilateral que afecta a diferentes partes do corpo. Tras ser sido tratado en diferentes hospitais galegos e cataláns, os logros acadados non lle permitiron abandonar a cadeira de rodas, un feito que agora semella “posible e incluso probable” tras visitar en Madrid ao doutor Fernando Noriega, especialista no campo da cirurxía reconstrutiva do pé e do nocello e director do Instituto Internacional de Cirugía Ortopédica y del Pie, quen se amosou convencido de que tras unha serie de intervencións podería mellorarse notablemente a calidade de vida do paciente.

O alto custe que supón o tratamento, un total de 40.300 euros -nos que se inclúen os gastos de hospital, quirófano e material de osteosínteses- fai, sen embargo, que a meta semelle alonxada,“por iso desde a platarforma estamos a argallar todo tipo de cousas que permitan ir recadando fondos pouco a pouco”, subliña Paloma Cabal.

“Será un camiño longo e difícil, pero é unha posibilidade e ei facer todo o posible para tentalo”, subliña Senén, que admite sentirse “tremendamente impresionado” por todas as mostras de cariño que está a recibir. “Independentemente do que se recade, penso que todo o que estou a vivir me vai a servir para recuperarme nos momentos máis duros, que os haberá, pero saberei levantarme lembrando o cariño que me están a amosar todos os meus compañeiros”, engadiu.

Servizo gratuíto de autobús

A cita será o 31 de xaneiro a partir das cinco da tarde e contarase con servizo de autobús gratuíto. Por 10 euros que custa a entrada os asistentes poderán gozar de múltiples sorpresas, xa que a artistas como Marcos Escudero, Maryland, Agrupación Zurrumalla, Ondas da Ría ou o profesor Anxo Angueira sumaranse “outras accións que non imos desvelar”, engaden dende a plataforma, que fan fincapé en que existe Fila 0 co número de conta 0049 6141 96 2790175955.

As entradas para a gala, que será presentada polo xornalista deportivo, Ramón Presley, poden recollerse nalgún dos seguintes puntos: cafetaría da Facultade de Filoloxía e Tradución, Mister Guau Peluquería Canina (r/ Barcelona, 50); Panadería Pastalería Barcelona (Barcelona 44); Floristería Liken (enfronte Hospital Xeral), Floristería Montse (Travesía de Vigo, 50) Mesías e Nutri-Power (Centro Comercial Plaza Elíptica).