DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con tres graos adaptados as necesidades do mercado laboral

Filoloxía e Tradución presenta unha oferta de graos exclusiva en Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/07/2009

“Diferente, máis moderna e adaptada aos novos tempos”, así define a decana da Facultade de Filoloxía e Tradución, Rosa Pérez, a oferta de graos do centro para o vindeiro curso. Grao en Estudos de Galego e Español, Grao en Linguas Estranxeiras e Grao en Tradución e Interpretación compoñen “unha oferta de enorme interese, exclusiva no sistema universitario galego e moi diferenciada, moi exclusiva e moi característica desta Universidade”, apuntou o reitor, Alberto Gago.
Acompañados polos coordinadores da cada un dos graos e varios membros do equipo decanal, Pérez explicou as características dos novos títulos que substituirán o vindeiro curso as actuais licenciaturas en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica, Filoloxía Inglesa e Tradución e Interpretación.
“Creados e planificados en consonancia coas actuais necesidades do mercado empresarial”, tal como indicou Joaquín Sueiro, ex decano do centro e coordinador do Grao en Estudos de Galego e Español, os novos graos evitan a duplicidade de estudos coa USC e a Universidade da Coruña. A este respecto o reitor salientou, a oportunidade que supuxo o EEES “para implantar títulos que consideramos máis modernos, máis actualizados e máis atractivos”.

Grao en Estudos de Galego e Español

Exclusivo no sistema universitario español, os estudantes que se decidan por estudar o grao en Estudos de Galego e Español poderán ir deseñando o seu propio itinerario, segundo o perfil que eles mesmos desexen. Tras os dous primeiros anos de formación común nas dúas linguas e literaturas, cada estudante pode especializarse e elixir o itinerario no que queira realizar a súa especialización máis forte: a opción clásica, centrándose nun dos dous idiomas ou ben, optar por especializarse nas dúas linguas ou ben nas dúas literaturas. “Cremos que isto é un incentivo interesantes para o alumnado, ademais, calquera que teña intención de dedicarse á docencia, que é unha das saídas nas que primeiro pensamos, consideramos básico que teña unha formación importante nas dúas linguas”, salientou a decana.
Ademais da docencia, tanto en secundaria como na propia universidade, a asesoría editorial e lingüística, o mundo do libro, a edición e corrección de textos ou mesmo a xestión de recursos humanos foron algunhas das principais saídas profesionais apuntadas neste sentido.

Grao en Linguas Estranxeiras

Na liña do que xa se está a ofertar en moitas universidades europeas “e tamén do que demanda o sector empresarial”, subliñou Sueiro, o Grao en Linguas Estranxeiras formará profesionais cunha sólida formación en linguas. “O peso maior recae na lingua inglesa pero hai un montón de créditos dunha segunda lingua, francés ou alemán, e unha iniciación importante dunha terceira, que pode ser unha das dúas anteriores ou portugués”, explicou a decana.
Ademais do ensino, a administración, os departamentos de comercio exterior e de relacións internacionais ou a organización de congresos foron algún dos campos que se debuxaron como principais saídas profesionais dos novos titulados.
Mediante as materias optativas, os estudantes poderán deseñar o seu propio itinerario: ben lingüístico, ben literario e cultural, pois os contidos non serán puramente lingüísticos, senón que tamén se afondará la realidade cultural e social e na historia das linguas e os pobos.

Grao en Tradución e Interpretación

Con catro anos de duración, como todos os graos, ofrecerá 120 prazas pero, a partir do curso 2010-2010 precisará dunha proba de acceso para valorar as competencias lingüísticas dos estudantes.
Ao igual ca nos outros dous casos os estudantes poderán elixir entre un amplo abano de especializacións, “cada estudante terá unha formación sólida, tanto na lingua materna como na estranxeira, ben sexa inglés, francés, alemán ou portugués”, indicou Perez.
Xunto as coñecidas saídas de tradutor e intérprete, destacáronse outras posibilidades como as de lexicógrafo, mediador lingüístico e cultural, editor ou redactor/corrector.

O centro máis internacional do campus

Un aspecto no que tamén fixo fincapé o reitor fai referencia a que a Facultade de Filoloxía e Tradución é o centro da Universidade que máis estudantes envía e recibe do estranxeiro. Ademais, destacouse tamén a excelente dotación tecnolóxica do centro, onde todas as aulas están dotadas con equipos multimedia.
Xunto aos novos graos, o reitor lembrou tamén que se ofertarán seis mestrados, dous deles con mención de calidade a nivel nacional: Tradución e Paratradución; Estudos Ingleses Avanzados; Lingüística e as súas Aplicacións; Artes Escénicas; Estudos de Xénero.