DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Filoloxía e Tradución presenta a súa nova oferta de títulos adaptados ao EEES

Destinada tanto a docentes e estudantes de secundaria como aos membros da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 28/05/2009

Grao en Estudos de Galego e Español, Grao en Linguas Estranxeiras e Grao en Tradución e Interpretación xunto cos mestrados en Tradución e Paratradución; Estudos Ingleses Avanzados; Lingüística e as súas Aplicacións; Artes Escénicas; Estudos de Xénero; Edición e Lingüística Galega. Esta é a oferta académica da Facultade de Filoloxía e Tradución para o vindeiro curso 2009-2010 con todos os títulos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior. Para dar a coñecer estes novos estudos de grao e posgrao, o equipo decanal do centro organizou este xoves unha xornada informativa destinada tanto a docentes e estudantes de secundaria como aos membros da comunidade universitaria que queiran continuar a súa formación cun mestrado.
Segundo explicou aos asistentes a decana do centro, Rosa Pérez, “o vindeiro curso contaremos con tres graos e sete mestrados” de acordo ás directrices do Espazo Europeo de Educación Superior. Os graos en Estudos de Galego e Español, en Linguas Estranxeiras e en Tradución e Interpretación veñen a substituír ás actuais licenciaturas en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica, Filoloxía Inglesa e Tradución e Interpretación. “Levamos anos preparando este momento con cursos e materias piloto adaptas aos créditos ECTS pero agora queda o paso máis grande: a implantación no vindeiro curso dos graos e posgraos”, apuntou a decana, que subliñou que na Facultade de Filoloxía e Tradución “o cambio vai ser paulatino, o curso que vén comezaremos co 1º curso, para o próximo con 2º e así sucesivamente ata extinguir as licenciaturas pero, de momento, haberá unha convivencia entre os dous sistemas”.

Os novos graos

Os coordinadores dos graos fixeron unha presentación dos novos estudos coincidindo os tres na marcada vertente comunicativa dos novos títulos como aspecto diferenciador dentro do Sistema Universitario Galego. Por outra banda, salientaron tamén a importancia da mobilidade, sendo a Facultade de Filoloxía e Tradución a que maior número de estudante move ano a ano ao estranxeiro.
Joaquín Sueiro, coordinador do Grao en Estudos de Galego e Español explicou que esta nova titulación, que conxuga as actuais filoloxías Galega e Española, pretende evitar con esta unión a duplicidade de estudos coa USC e a Universidade da Coruña. “Tratamos de conxugar a tradición filolóxica coa compoñente comunicativa, unha connotación que nos diferenza e nos identifica”, explicou Sueiro, “combinando o mellor da filoloxía tradicional cun ámbito comunicativo aberto”. Por outra banda, o coordinador do novo grao salientou que se ofertarán catro itinerarios como especialización que os estudantes poderán combinar: lingua e literatura española; lingua e literatura galega; linguas e, finalmente, literaturas. “Estas dúas últimas diferenciarannos da oferta das outras dúas universidades galegas, que non teñen nada similar”, apuntou.
Pola súa banda, Ana Bringas foi a encargada de presentar o Grao en Linguas Estranxeiras, “que emana da actual Filoloxía Inglesa pero que, como novidade e fortaleza incorpora máis linguas que a licenciatura”. Segundo a coordinadora, este grao formará egresados con capacidade de comprensión e expresión en inglés, francés, alemán e portugués “pero non con contidos puramente lingüísticos senón que tamén se afondará la realidade cultural e social e na historia das linguas e os pobos”. Con todo, o inglés seguirá a ter boa parte do peso específico da titulación nova “como idioma de maior demanda no mundo actual”. Ademais Bringas destacou o feito de que, mediante as materias optativas, os estudantes poderán deseñar o seu propio itinerario: ben lingüístico, ben literario e cultural.
No que se refire ao Grao en Tradución e Interpretación, a súa coordinadora, Iolanda Galanes, destacou as saídas profesionais do mesmo “nun mundo globalizado que favorece o intercambio de comunicación e de contidos”. Con catro anos de duración, como todos os graos, ofrecerá 120 prazas pero, a partir do curso 2010-2010 precisará dunha proba de acceso para valorar as competencias lingüísticas dos estudantes. Na súa intervención, Galanes quixo salientar que os egresados da actual licenciatura, “fronte ao que se pode pensar, non traballan maioritariamente para as administración, senón que son emprendedores que montan a súa empresa que ofrece servizos de editores, de dobraxe, a empresas que precisan intérpretes ou mediadores e, todo isto, ábrese coa chegada de cidadáns estranxeiros que farán máis necesarios eses labores de mediación en comisarías, hospitais ou centros educativos”.

A oferta de mestrados

A Facultade de Filoloxía e Tradución ofrecerá, xunto aos novos graos, sete mestrados: Tradución e Paratradución; Estudos Ingleses Avanzados; Lingüística e as súas Aplicacións; Artes Escénicas; Estudos de Xénero; Edición e Lingüística Galega. Segundo a decana, Rosa Pérez, “algúns deles xa se están a impartir, outros son novos e outros transformacións dos actuais programas de doutoramento”. Grazas a eles, os estudantes poderán continuar a súa formación e especializarse en ámbitos concretos que os facultará para campos profesionais determinados, pero lonxe dos prezos actuais, ao tratarse de mestrados públicos.
Logos das explicación dos coordinadores de graos e mestrados, os asistentes puideron coñecer de preto das instalacións da facultade, unha das máis antigas do campus “pero totalmente equipadas para unha formación de calidade e adaptada ás novas tecnoloxías”, como explicaba Joaquín Sueiro.