DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Barallan xa varias posibilidades de homenaxe

Filoloxía e Tradución sente a perda da tradutora Alexandra Koss

Profesora do centro durante varios anos, o seu traballo uniu a cultura galega e a rusa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 27/05/2010

A comunidade universitaria da Facultade de Filoloxía e Tradución recibiu esta semana a triste nova do falecemento de Alexandra Koss, unha das máis destacadas tradutoras da literatura galega ao ruso, “e tamén unha enorme amiga desta casa”, destacou Xosé Mª Gómez Clemente, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina e amigo persoal da autora, que lembrou o “importantísimo” papel de Koss na fundación e posta en marcha da facultade e, en xeral, nos estudos de galego e tradución.
Chegada ao centro no ano 92 cando a facultade acababa de pórse en marcha, Koss fíxose cargo das materias de lingua rusa e tradución ao ruso, pero o seu labor foi moito máis alá, “nun centro que acababa de pórse en marcha e onde todos eramos moi novos ela, que tiña unha cultura excepcional, achegou unha enorme experiencia no campo da tradución”.

Coa cultura galega e rusa da man

Namorada do galego dende que chegou a Galicia, “lingua que aprendeu nada máis chegar aquí e que engadiu aos cinco ou seis idiomas que xa falaba”, salientou Gómez Clemente, Koss foi unha das primeiras en pór en marcha as traducións galego-rusas, xunto cos seus colaboradores da Universidade de San Petersburgo Elena Zernova e Boris Narumov. Alén disto, o seu papel foi máis alá e afondou en detalle no estudo das propias traducións entre ambos idiomas “abríndonos os ollos a un mundo que descoñeciamos e descubríndonos, por exemplo, que autores clásicos coma Curros estaban traducidos ao ruso e que tiñan presenza entre os autores de alí”.
Para Gómez Clemente, presidente tamén da Asociación de Tradutores Galegos, Koss xogou un papel moi importante para a cultura galega e levou a cabo un labor máis ca meritorio pero apenas recoñecido, polo que tanto dende a asociación como dende a facultade, están pensando xa en posibles homenaxes “cos que intentaremos difundir o seu labor e dalo a coñecer, sobre todo entre o alumnado, para quen debe ser un modelo a seguir”.
Entre as alternativas que barallan cobra forza a posibilidade de dedicarlle o vindeiro Día Internacional da Tradución que se celebrará no mes de setembro, así como outras opcións “tamén emotivas” como plantar unha árbore na facultade cunha placa na súa lembranza ou pórlle o seu nome a unha das salas do centro.
Dende a facultade resaltouse tamén ao tradución ao galego do Tío Vania, de Anton Chejov que lle valeu o premio María Casares á mellor tradución, así como moitas outras traducións de autores como Pusquin, Gógol ou Tolstoi, que “grazas a ela falaron na nosa lingua”.