DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Filoloxía e Tradución volve achegarse á literatura do país cunha nova edición do ciclo Escritores na Universidade

A inauguración contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 08/10/2009
Baixo o título O poeta en tempos de penuria, hoxe iniciouse na Facultade de Filoloxía e Tradución unha nova andaina do ciclo de mesas redondas Escritores na Universidade, unha actividade que acada a súa cuarta edición e que se consolida como escenario a través do que achegarse aos xéneros narrativo, poético, teatral e ensaístico feitos no país desde o punto de vista dos seus escritores.
Poder ter de preto a creadores da literatura galega e coñecer a súa actitude e opinión é un dos maiores logros do ciclo e así o deixaron sentir os diferentes participantes na inauguración do encontro, onde coincidiron o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; a directora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Camiño Noia, e o vogal da Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, en Vigo, Francisco Castro.
“A literatura galega é unha literatura que está viva pero que non sempre é visible”, indicaba na súa intervención Francisco Castro, ao que Lorenzo, docente da facultade, engadiu que, pese a que a promoción da lectura non é un dos principais cometidos do organismo que representa, “non pensamos renunciar a ela e, na medida das nosas posibilidades, pensamos seguir apoiando este tipo de iniciativas”, indicou, ao tempo que animou a non deixar nunca de lado a lectura, “pero non só a letra grande senón tamén a pequena, a ler entre liñas, a botarlle unha ollada densa e múltiple a toda a lectura que chega cada día ás nosas mans, incluídos os medios de comunicación”.

Tempos de penuria para a poesía?

A poesía centrou a primeira sesión do ciclo, que foi presentada polo tamén poeta e profesor da facultade, Gonzalo Navaza.Coa participación dos poetas Antonio García Teijeiro, Elvira Riveiro e Luís González Tosar, os asistentes a esta sesión puideron achegarse de preto a tres visións moi distintas da situación actual da poesía galega.
Realmente son tempos de penuria?, a poesía pode facer algo contra esa penuria? Son algunhas das respostas as que tratou de dar resposta na súa intervención Antonio García Teijeiro, docente e especialista en literatura infantil e xuvenil, pero sobre todo “en poesía”, aclaraba en referencia aos numerosos prexuízos que durante anos acompañaron á literatura infantil, “hoxe en día temos unha oferta forte e sólida e xa non hai desculpa para que non estea presente nas casas, nas escolas, nas bibliotecas...”.
Nun ton claramente reivindicativo, Luís González-Tosar, director do Pen Club de Escritores de Galicia, reivindicou que “nin pequenos, nin invisibles” en referencia a aqueles que tachan a literatura galega como “pequena”. “Non hai literatura pequena, hai escritores bos e escritores menos bos, poetas que chegan máis e poetas que chegan menos... e isto é algo que pasa en todas as linguas”, aclarou. “Para mostra un botón”, González Tosar non dubidou en achegar bos exemplos para ratificar as súas afirmacións, e lembrou o caso do escritor francés Frédéric Mistral, que recibiu o Premio Nobel Literatura por unha obra escrita en provenzal ou occitano.
A panorámica máis actual formulouna a poeta Elvira Riveiro que convidou aos asistentes a facer un repaso á poesía galega que están a facer na actualidade os autores nados na década dos 80, “persoas completamente normais e non pobres poetas incomprendidos”, salientaba en referencia a infinidade de tópicos que rodean o mundo da poesía.

Próxima cita, a narrativa, o vindeiro 5 de novembro

Este IV Ciclo de Escritores, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Facultade de Filoloxía e Tradución, complétase coas mesas redondas que se celebrarán os vindeiros xoves 5 e 19 de novembro, onde se afondará na narrativa e no ensaio, e o 3 de decembro, data na que se porá o colofón ao ciclo coa análise teatral. Marcos S. Calveiro, Inma López Silva, Xosé Manuel Beiras Torrado ou Quico Cadaval, son só algúns dos nomes dos diferentes autores que pasarán ata entón pola Facultade de Filoloxía e Tradución e cos que tanto docentes como estudantes terán a oportunidade de compartir impresións e opinións.