DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O CFV organiza una xornada sobre Lean Thinking

A filosofía 'lean' calla entre no tecido empresarial galego

Xosé H. Vázquez, subdirector de REDE, afondará no futuro deste modo de traballo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 08/06/2011
O lean thinking nace na década dos 50 da man de Taichi Ohno e Shigeo Shingo que deseñaron un novo modelo produtivo para Toyota que xira arredor do Just in Time e pivota sobre o que podemos definir como sentido común e eficiencia. PSA Peugeot Citroën adoptou esta filosofía nas súas plantas, o que lle permitiu reducir tempos, gastos, reclamacións e accidentes baseándose nunha idea clave: un lugar para cada cousa e cada cousa no seu lugar. Agora, esta filosofía de xestión e produción cala con forza en sectores moi diversos do tecido empresarial máis aló da automoción. Para coñecela, entendela e poder aplicada, o Club Financiero de Vigo organiza este mércores ás 19.00 horas ao abeiro do Foro de Innovación unha xornada sobre o Lean Thinking, sobre as súas fortalezas, os seus beneficios e o seu futuro conxugado con outros modelos.

As bases da filosofía lean

O lean manufacturing traballa optimizando os recursos e o persoal co obxectivo de eliminar as perdas por demoras e ineficiencias nos procesos, previr e eliminar faltas de equipos, irrupcións e perdas de produción e buscar continuamente a mellora e a perfección. Pero o lean, a pesar de ter superadas xa as seis décadas de existencia está en constante renovación e remuda. Na actualidade, os seus obxectivos conxúganse tamén con tres retos fundamentais para as empresas: o uso das TIC, o aforro enerxético e a I+D+i.

Da automoción ao naval

Esta xornada pretende así, baixo a inspiración de Pierre Ianni, director da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën e un dos principais defensores do sistema, difundir en todo o entramado produtivo local o lean thinking, tanto as súas fortalezas adquiridas no seu terreo orixinario como é o da automoción, como as súas aplicacións noutros sectores.

Para iso a xornada contará entre outros coa intervención do propio Ianni que repasará o proceso de transformación que o lean manufacturing supuxo para factoría. Alberto de Comingues Barreiro-Meiro, xerente da Fundación Cluster de Empresas de Automoción de Galicia achegará unha visión máis ampla, dende o punto de vista da aplicación desta filosofía a todo o sector da automoción en Galicia, xa que CEAGA deseñou hai tres anos unha folla de ruta para a implantación do lean nas súas empresas.

Pero o lean calla máis aló das empresas de produción automobilística. Neste foro intervirán tamén representantes do sector da distribución de produtos electrónicos e de entretemento , como Alberto Bastos, country manager de Kaizen Institute en España e Francisca Giménez, directora de operacións Sur de Worten. Tampouco o sector naval é alleo a esta filosofía e será José Manuel Guzmán, socio consultor de Inova, o encargado de afondar na transformación lean no sector naval.

Dende a Universidade tamén se presentarán achegas sobre o lean thinking, da man de Xosé Henrique Vázquez, subdirector do grupo REDE e director do Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos. O profesor fará un percorrido polas liñas de traballo desenvoltas por REDE ao abeiro do consorcio público-privado europeo Factories of the Future que buscan conxugar explicitamente o lean thinking coas TICs (agile manufacturing), coas esixencias medioambientais (lean green), e co desenvolvemento de novas tecnoloxías e modelos de negocio (lean innovation).