DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración do curso de 'Formación de axentes sociais na promoción do benestar físico e psicolóxico

A fin do botellón pasa por subir prezos e limitar o acceso ao alcol

O profesor Manuel Isorna asegurou que axentes políticos e sociais agochan a cabeza para non afrontar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 28/07/2011

Estar san non significa soamente ter ausencia de dor ou de malestar, supón un estado completo de benestar físico, psicolóxico e social. Co obxectivo de que a sociedade se conciencie da importancia da saúde, a área de Extensión Universitaria, en colaboración co Concello de Catoira, organiza o curso de Formación de axentes sociais na promoción do benestar físico e psicolóxico, que botou a andar este xoves inaugurado polo doutor Bernardo Seoane, da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Xunta, e que se impartirá ata o próximo 4 de agosto.

A prevención do consumo de drogas e de alcol, a sexualidade ou a promoción dunha alimentación saudable serán os eixes principais, pois “quérese proporcionar os coñecementos e medios necesarios para mellorar tanto a saúde individual como colectiva”, explicou o profesor Manuel Isorna, director do curso, quen afondou na problemática do botellón, “unha das principais preocupacións da sociedade actual”. A facilidade de acceso ao alcol, sobre todo nos menores de idade, e o seu baixo prezo, “pois España ten o alcol máis barato de Europa”, son para o profesor as principais causantes deste fenómeno ante o que os axentes políticos e sociais optan pola “actitude de avestruz , mandando crear botellódromos ás aforas das cidades para non enfrontar o problema”. Un aspecto moi grave tendo en conta que, segundo Isorna, a celebración dun botellón non implica soamente o consumo de alcol, xa que “o 40% dos asistentes acaba tomando drogas ilegais, sobre todo, cocaína e cannabis”, ademais de provocar comportamentos agresivos “como pelexas e agresións sexuais”.

Ante tal situación, Manuel Isorna formulou tres vías de actuación. Por unha banda, subir as taxas do alcol e fortalecer as medidas de acceso ao mesmo, “establecendo fortes multas tanto aos menores de idade como a seus pais por tentar mercar algo que lles está prohibido por lei” como contempla facer o concello de Santiago. Como segunda proposta sinalou a necesidade de mudar a política de horarios de peche dos locais de ocio, “pois dende Europa percíbennos como o país que está sempre de festa, con discotecas e bares abertos as 24 horas”. E, por último, destacou a necesidade de prever e controlar dende a contorna familiar e educativa aos rapaces, xa que “sen ese apoio nada sería posible”.

Concienciación da xente nova

Na inauguración do curso, Ana Belén Fernández Souto, directora da área de Extensión Cultural e Estudantes do campus pontevedrés, salientou a importancia e o compromiso social que supón a celebración deste tipo de iniciativas, apuntando a importante presenza de xente nova no obradoiro, “o que pon de manifesto a concienciación da xuventude e as gañas de loitar contra as problemáticas sociais que máis lles poden afectar”.

O curso prolongarase ata o vindeiro xoves no que os máis de 46 matriculados aprenderán que a saúde se nutre de moitas disciplinas, “incluíndo comunicación, educación ou lexislación, así como a importancia de traballar as emocións e as motivacións”, conseguindo ademais a implicación de todos os axentes sociais “para que fomenten e transmitan estilos de vida saudables”, concluíu Isorna.