DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para facilitar ao estudantado a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre

Esta fin de semana arracan os horarios especiais das bibliotecas

Abrirán os sábados e domingos e, durante a semana, ampliarán a súa apertura ata a 01.00 h

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 01/12/2023

Co inicio do mes de decembro arrancan tamén os horarios especiais de apertura da Bibliotecas Universitaria para facilitar a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre. A partir deste sábado comezan as aperturas en fin de semana, que se estenderán ata o 21 de xaneiro, e tamén a ampliación do horario nocturno ata o 19 de xaneiro.

Fins de semana e festivos

A Biblioteca central de Vigo, a de Torrecedeira, a Central de Ourense e a Central de Pontevedra abrirán en horario de 09.00 horas a 21.00 horas dende este sábado 2 de decembro de 2023 ao domingo 21 de xaneiro de 2024, salvo os días 23, 24, 25, 30 e 31 de decembro e o 1, 6 e 7 de xaneiro, datas nas que permanecerán pechadas. Os festivos da próxima semana,  6 e 8 de decembro, manteranse os horarios da fin de semana.

Horarios nocturnos en período lectivo

A próxima semana tamén comezarán as aperturas en horario nocturno durante os días laborables do período lectivo. Así, de luns a venres entre o 4 e o 22 de decembro (salvo os días festivos) e entre o 8 e o 19 de xaneiro, a biblioteca de Torrecedeira e as centrais de Ourense e Pontevedra permanecerán abertas ata a 01.00 horas da madrugada.

Durante estes horarios especiais de apertura nocturna e de fins de semana, as bibliotecas prestarán un servizo de espazo de estudo, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos, etc.

Horarios habituais no resto das bibliotecas

O resto das bibliotecas dos campus (facultades de Belas Artes, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Experimentais, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Filoloxía e Tradución, Enxeñaría Industrial-Minas e Enxeñaría de Telecomunicación) continuarán co horario habitual de 08.30 h a 20.45 h. salvo durante o período non lectivo de Nadal, entre o 26 de decembro e o 5 de xaneiro, que abrirán de 9.00 a 13.45 h.