DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os encontros de rugby feminino e masculino saldáronse con cadansúa derrota

Unha fin de semana 'en branco' para os equipos universitarios

En baloncesto houbo xornada de descanso para os conxuntos ourensáns

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 20/01/2014

Esta fin de semana foi unha fin de semana 'en branco' para os equipos universitarios. Os xogadores e as xogadoras do Campus Ourense Rugby Club perderon os encontros de liga disputados o sábado día 18 e non puideron sumar os desexados puntos positivos necesarios para consolidar os seus postos nas respectivas ligas. Pola súa banda, tanto a categoría masculina como a feminina do Universitario Campus de Ourense de baloncesto sénior tiveron xornada de descanso, polo que os seus marcadores mantéñense cos mesmos puntos positivos e negativos que a anterior semana.

Resultados en rugby

Na décima xornada da Liga Galega de Rugby, o primeiro equipo do Campus Ourense Rugby Club visitou aos Ingleses RC, perdendo o encontro por un contundente 53 (B) a 0. Pola súa banda, as xogadoras ourensás enfrontáronse ao CR Coreti Lalín nas instalacións deportivas do campus de Ourense no primeiro partido da segunda volta clasificatorio para a fase de ascenso á división de honra. O conxunto universitario perdeu o encontro por 10 a 19 puntos. Foi, explica a xogadora Ana Vidal, “un partido moi igualado con gran disputa por ambas partes e que as locais afrontamos con moitas baixas”. Entre as notas positivas do encontro estivo a reaparición da xogadora do campus de Ourense Olalla, que por lesión non disputara ningún partido no que vai de tempada e que demostrou, no seu regreso ao campo, estar en plena forma.

Descanso en baloncesto

Tralo descanso desta fin de semana, os conxuntos feminino e masculino de baloncesto sénior do campus retomarán a vindeira semana a competición. Na primeira división masculina, os xogadores universitarios, que se atopan novenos na táboa, enfrontaranse o día 25 ao CDR Ferrol na onceava xornada de liga. Ese mesmo día, as xogadoras disputarán un encontro co C Pío XII-Fedesa no que intentarán consolidar o seu posto na loita polo liderado da primeira división autonómica feminina, onde se atopan no terceiro lugar e moi igualadas coas primeiras clasificadas.