DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O próximo domingo, 9 de marzo

Esta fin de semana o campus ten unha cita coa solidariedade no “Maratón de Aerobic”

O recadado irá destinado a campaña “Unidos contra el SIDA” de Unicef

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 06/03/2008

O vindeiro domingo a comunidade universitaria e todos aqueles interesados en colaborar cunha boa causa, teñen unha cita no pavillón universitario do campus de Pontevedra. Logo de ir a votar non virá nada mal facer un pouco de exercicio no Maratón Solidario de Aeróbic, que organiza o Servizo de Deportes en colaboración coa vicerreitoría do campus.
Para poder participar non hai límite de idade nin é necesario ter unha condición física axeitada, simplemente bastará con entregar un donativo económico á entrada do evento. En edicións pasadas recadáronse alimentos ou material escolar, pero a novidade de este ano é que o diñeiro conseguido irá destinado á campaña de Unicef Unidos contra el SIDA para paliar o impacto concreto que está tendo esta enfermidade sobre a infancia.
Segundo explicou a directora de Área de Extensión Universitaria e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, “o obxectivo é implicar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral cos proxectos para axudar aos países en vías de desenvolvemento, así como para fomentar a práctica do deporte entre os alumnos”. As previsións de participación por parte da organización son moi boas e tal como comentou Fernández Souto, “esperamos a xente se anime a colaborar con esta iniciativa, xa que ademais de axudar cunha boa causa, pasarán dúas horas moi divertidas”.

O programa

O maratón terá lugar desde as 11.30 ata as 13.30 do próximo domingo, 9 de marzo. A medida que vaian chegando os asistentes, entregaráselles unha camiseta, unha botella de auga e un bocadillo, todo o necesario para participar e repoñer forzas. Antes de comezar, o Equipo de Ximnasia Aeróbica da Universidade de Vigo realizará unha pequena exhibición e serán os propios membros xunto con profesionais de ximnasios que colaboran co Servizo de Deportes habitualmente, os que exerzan de monitores nesta actividade. Nunha tarima principal os participantes realizarán unha serie de coreografías de distintas modalidades de aeróbic rotándose cada 15 minutos e cambiando o estilo e a música de cada vez.