DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática organiza unha nova “quedada”

Unha fin de semana conectados á rede na Technium Lan Party 2013

Desde o venres ás 13.00 h ata o domingo ás 20.00 h poden unirse á cita todas as persoas interesadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 09/04/2013

O Pavillón do campus de Ourense terá esta fin de semana uns inquilinos moi especiais. Os participantes na Technium Lan Party 2013 tomarán cos seus equipos informáticos estas instalacións desde o venres ás 13.00 h ata o domingo ás 20.00 h. Serán 55 horas ininterrompidas nas que os amantes das novas tecnoloxías poderán estar conectados e compartir inquedanzas, competicións e coñecementos. “Se te gustan as novas tecnoloxías, non te podes perder esta cita en Ourense”, apunta Edgar Ruíz en nome da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática ASEII que organiza o evento.

A Technium Lan Party 2013, que se desenvolverá do 12 ao 14 de abril, nace da reformulación da “quedada informática” que se viña realizando nos últimos anos no campus baixo o nome de Scul Party. Con ánimo de continuar a organización deste evento en 2013, a ASEII, en colaboración co centro, decidiu asumir a súa organización apostando por abrir a participación a todas as persoas de fóra de Ourense que desexen unirse a esta cita, ampliando os seus contidos con conferencias e incrementando os servizos a disposición dos inscritos.

Concursos, torneos e conferencias

Segundo explican os organizadores, a iniciativa constará de tres apartados principais. Haberá concursos, entre os que destacan os de lanzamento de CD, de fotografía, de programación, de Minecraft, de Overclock e de diseño 2D. Tamén se celebrarán torneos de Magic: The Gathering; de Team Fortress 2; de League of Legends, de TrackManía United; de Poker; de Counter Strike: Global Offensive e de Age of Empires 2, entre outros. Como novidade respecto a anteriores eventos deste tipo, a cita tamén inclúe a celebración de varias conferencias. Entre as charlas que se celebrarán estarán unha conferencia de Nuno Troitiño titulada Hackeando o Sistema Operativo Humanos, sobre o compoñente humano nas novas tecnoloxías, e unha introdución á programación con Android, na que os participantes verán de forma práctica como crear aplicacións para este sistema coa linguaxe de programación Java.

Cunha conexión de 100 Mb simétricos e unha LAN completamente a Xigabit, os inscritos poderán levar o equipo informático que desexen, como videoconsolas e ordenadores. Durante os días de celebración terán sitios habilitados para descansar, polo que se recomenda traer saco de durmir, e duchas á súa disposición. O prezo para as persoas que queiran achegarse será de dez euros para toda a fin de semana e de tres euros para un só día.