DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de CCSS e da Comunicación participou no Día C da publicidade en Pamplona

Unha fin de semana cos “primeiros espadas” da creatividade mundial

Os estudantes tamén puideron gozar dunha visita guiada ao museo Guggenheim

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 23/03/2015

Preto de 1000 persoas, entre consagrados referentes da publicidade de diferentes países, estudantes e profesionais noveis, reuníronse o venres 20 e o sábado 21 no Auditorio Baluarte de Pamplona con motivo do Día C da publicidade, un evento organizado polo Club de Creativos ao que non faltou o alumnado do máster en Dirección de Arte en Publicidade. Acompañados polo seu director, o profesor Pedro Pablo Gutiérrez, preto de 40 estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación puideron compartir impresións durante dous días “cos primeiros espadas da creatividade a nivel internacional”, non sen antes facer parada en Bilbao para coñecer a fondo Museo Guggenheim.

O artista británico Neil Harbisson, a primeira persoa recoñecida como cyborg por un goberno en todo o mundo; o ex-director da Tate Modern de Londres Vicente Todolí; o director global de clientes de Google, Pedro Pina, ou reputados directores de arte como Paul Beltford ou Andy Sandoz foron algúns dos protagonistas das diferentes conferencias e talleres que se promoveron no marco deste Día C, que se completou coa entrega de premios ás obras seleccionadas para o XVI Anuario da Creatividade Española. De aí que Gutiérrez incida na importancia dun evento “que cada ano reúne a máis xente e ao que cada ano acudimos con máis alumnos da facultade”. Non en van, desde o máster en Dirección de Arte en Publicidade promoven cada ano unha viaxe ata un evento que “creceu enormemente e ao que acoden os homes e mulleres que neste momento están a ter o maior éxito na realización publicitaria a nivel mundial”. De aí que Gutiérrez incida no boa acollida que colleita ano tras ano unha viaxe “á que acode a practica totalidade do alumnado do máster”, que durante dous días “ten a posibilidade de relacionarse con estudantes doutras partes de España así como coñecer a profesionais de altísimo nivel”.

Primeira parada, arte contemporánea

Postos a percorrer boa parte do norte de España, desde este mestrado avogouse por completar unha viaxe que comezou o xoves cunha parada no Museo Guggenheim de Bilbao, “xa que consideramos moi interesante que xente que o día de mañá vai traballar como directores de arte poidan coñecer museos como este”. De feito, a visita guiada que lles preparara para a ocasión a dirección deste centro de arte contemporánea permitiu que o alumnado puidese coñecer a fondo tantos os contidos como o propio continente do museo, o edificio deseñado polo arquitecto Frank Gehry.