DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Ednon TRC podería ser segundo e os xadrecistas campións da Fase Regular

Fin de semana decisiva para os equipos de rugby e xadrez no remate de liga

O conxunto de baloncesto segue na loita polos primeiros postos

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 27/03/2009

O Ednon TRC viaxa esta fin de semana a terras vascas para disputar o último encontro de liga ante o Gernika. Os vigueses desprázanse con toda a ilusión a pesar de que terán ante eles ao xa vencedor desta tempada e que xogará a fase de ascenso por segundo ano consecutivo. Trátase, a priori, dun partido complexo onde os locais loitarán por rematar a competición invictos diante do seu público. Ademais, os mozos que adestra Aníbal Babini tamén intentarán seguir coa boa racha de partidos gañados, pois dos 13 disputados só perderon tres, optando deste xeito ao segundo posto da táboa, o que lles permitiría disputar a fase de ascenso, algo dobremente difícil xa que non chega con gañar aos vascos, senón que ademais é preciso que o Hernani perda en Avilés ante o Belenos, último clasificado. Por se fose pouco, a todo isto engádenselle varias baixas, entre as que destacan a de Santi Castro, que deberá pasar polo quirófano por unha lesión de menisco, e a de Josemari, debido a un rotura de fibras tralo encontro fronte ao BUC Barcelona. A cita será o domingo a partir das 12.00 horas, a mesma que para o conxunto cadete, que disputa a penúltima xornada de liga recibindo ao CRAT de A Coruña.
Pola súa banda, o equipo B xogará o sábado, ás 17.00 horas, o seu primeiro encontro da Copa Xunta de Galicia fronte aos coruñeses do Zalaeta, conxunto que realizou unha gran campaña en primeira nacional. No tocante á categoría infantil, prodúcese un receso na competición ata despois de Semana Santa, cando se disputará a terceira das catro concentracións desta tempada.

Os xadrecistas chegan líderes á última xornada

Os xadrecistas tamén afrontan unha fin de semana decisiva. O Universidade de Vigo chega líder á última xornada, na que rematará a Fase Regular diante do Arteixo A, equipo que ten a permanencia case asegurada. Os vigueses só teñen que sumar cinco puntos neste encontro para convertérense matematicamente en campións; non obstante, tamén lles sirve con sumar un punto menos dos que fagan o Marcote ou o Alexandre Bóveda, perseguidores incondicionais na táboa.
A Liga 2009 está a ser unha das máis interesantes da última década, xa non só pola forte loita que manteñen os tres primeiros clasificados, senón tamén polo que está a acontecer na parte baixa, onde tan só dous puntos separan a cinco equipos e dous deles perderán a categoría. Neste senso, chama a atención ver a clubs con moita historia, como o Universitario de Santiago ou o Padrón A, nos últimos postos da xeral e a piques de descender. Mañá sábado coñeceremos o desenlace final.
Polo que respecta ao equipo escolar, despois de encaixar a segunda derrota consecutiva e verse relegado ao terceiro posto da xeral, este sábado tentará retomar a senda do triunfo ante o Breogán A do Grove.

O equipo de baloncesto enfróntase ao Centro Óptico Xove

O Universidade de Vigo de baloncesto desprazarase á localidade lucense de Xove para disputar a vixésimo quinta xornada de liga diante do Centro Óptico Xove. O equipo que adestra Cristina Alonso gañou a fin de semana pasada ao CB Arteixo e afrontan o encontro dende a sexta posición con 39 puntos, catro máis que os de Lugo. Trátase dun encontro xa decisivo, a só catro do remate da competición, onde os vigueses deben tentar ascender na táboa os cinco puntos que os separan do líder, o Mos Noribérica. O encontro será o sábado, ás 18.30 horas, no pavillón municipal.