DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro conxunto de rugby perdeu contra Os Ingleses de Vilagarcía

Fin de semana de derrotas para os equipos do campus

Os xogadores de baloncesto víronse superados pola calidade do CB Tui Seta

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 28/10/2013

Tres partidos e tres derrotas. Os equipos de rugby e baloncesto do campus que xogaron esta fin de semana partidos de liga só puideron sumar puntos negativos nas súas clasificacións. O Universitario Campus de Ourense de baloncesto sénior masculino perdeu contra o CB Tui Seta. En rugby, o primeiro conxunto non puido gañar aos Ingleses de Vilagarcía e as xogadoras víronse superadas polo Coreti Lalín. Despois do bo arranque de inicio de tempada, os conxuntos universitarios sofren un revés que lles obriga a intentar mellorar o seu xogo e os seus resultados.

“Os de Vilagarcía tiveron todo o tempo o marcador controlado, que non o xogo, que era do Ourense e que non soubo aproveitar o xogo á man, con caídas de balóns e poucas pracaxes”, destaca o técnico Javier Conde sobre o encontro xogado polo Campus Ourense Rugby Club contra Os Ingleses. Os locais perderon 8 a 24 o seu segundo partido da Liga Galega de Rugby, onde acumulan dúas derrotas e ningunha vitoria. Polo que respecta ao rugby feminino, as xogadoras estreáronse fronte ao Coreti Lalín tamén cunha derrota, neste caso cun resultado final de 35-24.

En baloncesto, esta fin de semana xogou partido de liga o Universitario Campus de Ourense sénior masculino, tendo xornada de descaso o feminino. Os xogadores enfrontáronse ao CB Tui Seta e perderon cun marcador de 81-47 puntos, un resultado que sitúa ao conxunto ourensán no quinto posto da primeira división masculina. A vindeira xornada de competición, o día 2 de novembro, xogarán contra o Seis do Nadal Coia. Ese mesmo día tamén disputarán encontro de liga as xogadoras do Universitario Campus de Ourense, que se enfrontarán ao Porriño BTO Base Grupo Pescanova nun partido no que intentarán consolidar as boas impresións causadas no seu primeiro encontro da primeira división autonómica.