DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os conxuntos de rugby perderon os seus encontros contra o Blusens Universidade de Vigo

Unha fin de semana de derrotas para os equipos ourensáns

As xogadoras de baloncesto pasan a ocupar o segundo posto da súa liga

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 04/02/2013

Foi unha mala fin de semana para os equipos de baloncesto e de rugby do campus de Ourense, que só acumularon derrotas nos seus respectivos encontros de liga. As xogadoras de baloncesto perderon o seu liderado na primeira división autonómica feminina e os conxuntos de rugby racharon coa boa liña dos últimos encontros disputados ao non poder gañar ao Blusens Universidade de Vigo.

O Campus Ourense Rugby sénior afrontaba o partido do sábado contra o Blusens Universidade de Vigo B coa esperanza de obter unha vitoria que consolidase os bos resultados que viña recollendo nos últimos encontros de competición. Sen embargo, os xogadores ourensáns tivéronse que conformar nesta xornada da Liga Galega de Rugby cunha derrota por 7-17 puntos fronte aos seus compañeiros universitarios. Do mesmo xeito, a categoría cadete perdeu 39-10 contra o Universidade de Vigo.

Resultados en baloncesto

Os resultados negativos tamén se repetiron nas diferentes categorías de baloncesto. O Universitario Campus de Ourense sénior feminino perdeu contra o ED Lourenzá Ensino por 74-73 puntos nun axustado encontro que ata o último momento fixo manter as esperanzas ás ourensás de saír gañadoras. Esta derrota coloca ao conxunto universitario do campus no segundo posto da primeira división autonómica feminina, que pasa a estar liderada polo Calasancias, aínda que igualado a vitorias e derrotas co conxunto ourensán. Precisamente o próximo partido de liga desta categoría, que se celebrará o día 16 de febreiro, enfrontará a estes dous equipos nun encontro que decidirá quen continúa encabezando a táboa.

Na primeira división sénior masculina de baloncesto esta fin de semana no xogou o equipo do campus de Ourense, que está décimo na clasificación, con cinco vitorias e sete derrotas. Os xogadores ourensáns retomarán a competición o vindeiro 9 de febreiro contra o Peleteiro. Si competiu esta fin de semana o Campus Ourense Blanco Amor, que perdeu por 63-41 contra o Estudiantes Lugo Leyma Natura e que se mantén último da súa clasificación.