DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo sénior masculino de baloncesto perdeu no Grove contra O Meco Santo Ángel

Fin de semana de derrotas para os equipos universitarios de baloncesto e rugby

O Maristas de Vigo derrotou aos xogadores júnior de baloncesto por catro puntos

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 25/01/2010

Dura derrota a sufrida polo equipo sénior masculino de baloncesto no partido que disputou esta fin de semana contra O Meco Santo Ángel do Grove. O cadro ourensán perdeu o encontro por oito puntos (73-65) nunha cita que puxo fin á racha de vitorias dos últimos partidos. Con todo, o adestrador dos xogadores, Javier Pérez, define o encontro como “un mal medio partido" e explica que a primeira parte “non a soubemos xogar e non estivemos á altura das circunstancias”, unha realidade que fixo que o equipo chegara ao descanso perdendo por 22 puntos. Xa na segunda parte o equipo conseguiu achegar posicións no marcador ata situarse a dous puntos do rival pero non foi quen de alcanzalos ata rematar o encontro con eses oito puntos de diferenza. O adestrador cre que entre os motivos da derrota está a motivación do equipo rival polo feito de xogar contra o líder da categoría. Segundo explica, “nos dous primeiros cuartos do partido tiveron moito acerto e conseguiron moitos puntos pola nosa bondade defensiva. Nós, aínda que tiñamos bos tiros e moi boas ocasións de tiro, cometemos moitas imprecisións que fixeron que o distanciamento no marcador fose medrando a medida que avanzaba o partido”, conta. O próximo encontro do Universitario Campus Ourense será o sábado, 30 de xaneiro, data na que se enfrontará ao CBB Pontevedra. O partido será ás cinco da tarde no pavillón universitario.

Os xogadores júnior perderon contra o Maristas de Vigo nun partido moi disputado

“Un gran partido por parte dos dous equipos, moi disputado e con moitas alternancias no marcador”. Así define Miguel González, adestrador do equipo júnior masculino de baloncesto, o partido desta fin de semana contra o Maristas de Vigo. O encontro rematou cun resultado de 74-70 favorable ao cadro vigués nun encontro que o adestrador cualifica como “o máis difícil da liga contra un equipo que non perdeu aínda ningún partido no que vai de temporada”. Os vigueses sorprenderon aos xogadores ourensáns xa nos primeiros minutos co seu alto ritmo defensivo que marcou unha primeira parte do encontro moi igualada. Segundo explica Miguel González, “defendemos correctamente os seus sistemas de ataque e chegamos incluso a anticiparnos nas liñas de pase. Nos últimos minutos do segundo cuarto o noso xogo foi moi superior ao deles e puxémonos 34-35 no descanso”. Na saída do terceiro cuarto o cadro ourensán seguiu con esta dinámica de xogo “grazas a un ritmo alto con transicións rápidas e protexendo ben o rebote defensivo” o que lles permitiu situarse dez puntos arriba ao finalizar o terceiro cuarto. As cousas complicáronse no último cuarto. “O Maristas utilizou unha defensa zona-press a media pista que non soubemos atacar”. O adestrador cre que os nervios puideron xogar en contra do equipo. “Perdemos moitos balóns neste cuarto que eles converteron en canastas de contraataque”, declara. Cando faltaban dez segundos para o remate do partido o marcador era 72-69 e tiveron posesión para forzar a prórroga. “Conseguimos sacar unha falta de tres tiros libres con dous segundos para acabar o partido pero só anotamos o primeiro e, ao tirar a fallar o terceiro, non conseguimos o rebote en ataque perdendo así o encontro”, afirma.
O domingo, 31 de xaneiro, o Campus Ourense Blanco Amor xogará contra o Marín ás 12.00 no pavillón do campus universitario.

O Cowper RC derrota ao equipo de rugby no campo de Monterrei

O Campus Ourense Rugby, pola súa banda, sufriu esta fin de semana unha nova derrota no seu partido contra o asturiano Cowper RC, un rival directo que os ourensáns ven agora afastarse na táboa de clasificación. Na primeira metade do encontro os xogadores non estiveron acertados e, ao igual que sucedera no partido pasado, víronse por debaixo do marcador nos primeiros minutos. Abraham Martínez, xogador do equipo, explica que tiveron que ser tres os ensaios que recibiron os ourensáns para que se meteran no encontro, reaccionando por medio da súa dianteira. “Unha melé contundente e unha touche que comezaba a funcionar déronlle as primeiras pelotas ofensivas aos ourensáns. Foi nunha delas cando un destacado Alex conseguiu o primeiro ensaio para os locais”, declara. Na segunda metade os xogadores saíron con mais ganas o que lles permitiu manter a posesión do balón máis tempo. “Froito desta presión chegaba o segundo ensaio, anotado tamén por Alex e transformado por Pelos que deixaba un 14-22 que auguraba unha remontada”, explica o xogador. Sen embargo non puido ser e os visitantes, cun xogo ben argallado na súa dianteira, puxeron de novo distancia no marcador ata deixar o 14-29 definitivo. Hai que destacar no equipo local a boa actuación de Alex e Bocoi, que asinaron un bo encontro nos tres cuartos.
Pola súa banda as xogadoras do equipo sénior feminino de baloncesto perderon o seu primeiro encontro tralo descanso de Nadal contra o Compañía de María.